O Concello de Lalín, pintores, escritores, familiares e políticos homenaxearon ó artista no Quinto Cabodano do seu Pasamento Na lembranza de Xosé Otero Abeledo, Laxeiro, «un home que non morre aínda que o teñamos soterrado en Botos», como lle escribíu Neira Vilas. Artistas, escritores, políticos e familiares achegáronse onte, Quinto Cabodano do Pasamento do xenial pintor lalinense, ata a súa tumba no cemiterio de A Romea. A maxia de Laxeiro rexurdiu. Con máis forza, se cabe.
21 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.«Laxeiro. Cuando se habla de ti, lo exterior se convierte en una interioridad elevada a un misterioso estado». Con estas verbas daba comezo o recoñecido poeta Calos Oroza o recital que constituiu o acto central do homenaxe a Xosé Otero Abeledo, Laxeiro, no Quinto Cabodano do seu Pasamento. O escenario da homenaxe foi o cemiterio de A Romea, onde está soterrado Laxeiro. Artistas, entre eles Gloria Alonso, Guillermo Aymerich, Armindo Salgueiro, Paco Lareo, Damián Payo, e Willy, unha nutrida representación do Concello co alcalde ó fronte, o escritor Xosé Vázquez Pintor e o poeta Carlos Oroza acompañaron á filla de Laxeiro, Maruja Otero, e o resto da familia do pintor que acudiu a lembrar máis có seu quefacer artístico «o seu carisma, a súa humanidade e aquel home cheo de aventuras», como salientou Oroza. Aínda que estaba prevista a súa asistencia, Xosé Neira Vilas non puido asistir, aqueixado de problemas de saúde. Pero aínda así, non quixo deixar de rendir a súa particular homenaxe o seu amigo Laxeiro e fixo chegar as súas glosas ó Concello, glosas que trasmitiu ós asistentes Damián Payo e nas que Neira Vila destacou o carácter solidario do pintor. Fixo un percorrido pola súa vida e o seu quefacer artístico cunha ollada atenta a súa longa etapa como emigrante en Cuba «que espertou a súa alma artística». Baixo un sol de xustiza, o concelleiro de Cultura de Lalín, Román Rodríguez e a filla de Laxeiro depositaron sobre a tumba unha coroa de loureiro. Namentras, soaba a muiñeira de Laxeiro da man do seu autor, Plácido Rozas. Logo, interviu Vázquez Pintor, quen lle ofreceu un poema e finalmente, Carlos Oroza dedicoulle un amplo recital.