Amodo de introdución, cómpre retrotraernos aos anos oitenta: saneamento dos clubs de fútbol profesional por parte do Estado; creación da Lei do Fútbol profesional; conversións dos clubs profesionais en SAD (excepto Barça, Real Madrid, Athletic de Bilbao e Osasuna). Sete anos despois do primeiro saneamento a débeda dos clubs profesionais volvía ser, nesta ocasión (1992), de corenta mil millóns de pesetas, e de novo as quinielas puxeron o contador a cero. A débeda do fútbol español en xuño do 2009 era de 3.526 millóns de euros, deles case setecentos á Facenda.
Por iso, non é de recibo que mentres unha boa parte da sociedade está a sufrir recortes de todo tipo (sanidade, educación, xustiza, axudas á dependencia, desafiuzamentos, caixas, preferentes, derrube de Pescanova, estaleiros de Ferrol, perda de dereitos laborais); familias con serios problemas para chegar a fin de mes, o mundo do fútbol despilfarre o diñeiro do xeito ao que vimos asistindo, un ano si e e outro tamén de forma indiferente, e de maneira particular, no Deportivo de A Coruña.
Responsables da situación do Deportivo: naturalmente, en primeira instancia, son os que formaron e forman parte do Consello de Administración, mais tamén aqueles que por activa (accionistas asistentes ás asembleas), ou por pasiva (accionistas que delegaban no presidente), lle deron sempre a súa aprobación, non amosando endexamais a máis mínima crítica á súa xestión; isto sen excluír a certo tipo de prensa local; sen esquecernos dos medios panfletarios do propio club. Eu, como socio e accionista, en absoluto me considero responsable de tal enorme desfeita (aí están as hemerotecas para botar man delas, como mínimo dende xuño de 1998 até o día de hoxe).
Futuro inmediato incerto: a provisionalidade, a descoordinación entre os actuais xestores cos administradores concursais converte a situación en máis complicada e incerta.
Medidas: 1) Apartar cautelarmente aos actuais dirixentes, entre outras cousas, mentres non se dilucidan as responsabilidades dos mesmos.
2) Buscar un negociador-conciliador profesional e de prestixio.
3) Nomear a un bo asesor fiscal.
4) Propoñerlle ao novo adestrador, Fernando Vázquez, que asuma a total responsabilidade deportiva, creando un novo staff con profesionais do mundo do seitor (por exemplo, algúns ex xogadores, ex adestradores)
5) Manter o máximo control sobre o club.
6) Pechar os chiringuitos que dan déficit, procurando, se é posible, recolocar aos traballadores noutras dependencias.
E 7) Facer unha convocatoria extraordinaria do accionariado, onde se explique a realidade do club e a súa viabilidade no futuro máis inmediato.
Xosé Iglesias Salorio é o abonado número 593 do Real Club Deportivo de La Coruña