Dicían Tanxugeiras nun dos seus temas máis coñecidos que «non hai fronteiras». O Celta demostrou nos últimos días que a frase tamén é válida para ensinarlles a todos que o fútbol pode transcender o seu ámbito e tocar outros paus relevantes como a música, que en teoría parece estar nas antípodas.
É o club vigués un exemplo de aposta pola cultura tradicional, convertendo a Abanca Balaídos nun escaparate do talento do noso país con actuacións musicais e con iniciativas que poñen en valor as nosas raíces, tamén apostando por un himno como a Oliveira dos cen anos subido aos altares. Pero ata agora non se atrevera a presentarlle ao mundo unha gran peza do pop universal cunha versión moi galega. A actuación de SondeSeu, poñéndolle son de gaitas e zanfonas ao Like a prayer de Madonna, vai máis alá dunha arroutada de despacho ou dunha iniciativa puntual.
Porque seguramente xentes alleas ao fútbol en todo o globo, aos que non lle soe moito o Celta e que nin sequera saiban que viste de celeste, tiveron noticias desta parte do vello mundo en ámbitos alleos ao deporte. Porque publicacións especializadas en música como Billboard fixéronse eco da noticia, igual que medios como o New York Times, por citar algúns exemplos.
Neste caso mestúrase deporte, tradición ca actuación de SondeSeu e incluso márketing, aínda que a iniciativa non teña traducción directa no económico. O seu valor polo de agora é sentimental para o Celta, porque 36 anos despois sabe onde está aquela famosa camiseta de Espinosa, e tamén para a cultura galega, que lle demostra ao mundo que coa súa música máis popular pode romper moldes coa tradición e mergullarse noutros estilos.
E sobre todo, debe tomarse como unha ensinanza colectiva: o deporte é un excelente vehículo para demostrar o potencial de todo o que se fai neste recuncho do planeta.