O ciclismo devolve o que lle dás

Jacobo Ucha

DEPORTES

Meta de La Vuelta en Manzaneda.
Meta de La Vuelta en Manzaneda. Santi M. Amil

Eu non corrín nun equipo de Manolo Azcona, mais si nun combinado navarro. Xusto o día que faleceu, que un pupilo seu, co seu equipo, poida gañar é a mellor homenaxe. Foi un final emotivo. Ademais, Kern Pharm é unha escuadra de segunda división, e gañoulle a equipos mundiais de moito maior presuposto. Como adoitamos dicir, o ciclismo devolve o que lle dás.

En canto á etapa, mirando o guión das realizadas en Galicia, en ningunha delas se quixeron controlar as fugas, e estas chegaron a meta. Pasou en Baiona e en Cortizo. Na primeira parte da carreira, en Ourense, houbo unha fuga rapidísima, corríase a máis de 40 quilómetros por hora, cun continuo sobe e baixa. Era un día de desgaste, eu tiña claro que a etapa podía estar na fuga. Os da xeral non se atreveron na subida de Manzaneda, e iso que se ascendeu por unha vertente que non é moi dura. A de hoxe si que o vai ser.

O terreo de onte non daba para máis. Manzaneda e Trives teñen moitos portos e subidas, pero a organización preferiu facer un final accesible. Nos Ancares, o final será durísimo pola vertente leonesa, cunha subida de seis quilómetros, como tamén o domingo en Cuitu Negro. O tramo da Ribeira Sacra, se ben non marcou diferenzas entre os líderes, sumou dureza e fatiga. Non son coma as etapas chás de Castela, é un sobe e baixa continuo que acumula moito desgaste.

O equipo do líder, Decathlon, controlou ben a situación para que non houbese ataques nos últimos quilómetros. Enric Mas transmíteme boas sensacións. Hoxe tentará escalar postos na xeral e recortarlle ao líder.