Mercé Barrientos: «Son o 2 % do deporte galego»

DEPORTES

abraldes

A muxiá tira de ironía para denunciar a escaseza de mulleres nos cargos directivos

17 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi cociñeira antes que frade. Neste caso deportista antes que dirixente. Encargouse da preparación física dalgunhas das figuras do taekwondo galego. Licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, exerce nun instituto pontevedrés. Escritora nos seus momentos libres. Feminista a tempo completo. E directiva vocacional. O seu currículo como dirixente é excelso: presidiu a Federación Galega de Taekwondo e foi vicepresidenta da nacional, fundou e presidiu a Ufedegá (Unión de Federacións Deportivas Galegas) e Mudegá (Mulleres Deportistas Galegas), ademais de formar parte da directiva de Agaxede (Asociación Galega de Xestores Deportivos), entre outros cargos que tamén ocupou. Tanto é así que un día, en Pontevedra, tras o relatorio dunha representante do CSD na que dicía que en España as mulleres que ocupaban cargos directivos eran o 2 % do deporte nacional, iniciou a súa intervención deste xeito: «Ola, son Mercé Barrientos (Muxía, 1972), o 2 % do deporte galego».

—Que presuntuosa!

—Non, non. De presuntuosa nada. Pero se ela dicía que as mulleres que ocupabamos cargos directivos supuñamos o 2 % do deporte español, iso traducido a Galicia e tendo en conta todo o que eu naquel momento facía... Pois pareceume un bo xeito de empezar o meu relatorio. Pero vostede, que me coñece, sabe que peco de moitas cousas, pero non de ser presuntuosa.

—Que faceta se lle dá mellor, a de deportista, adestradora ou dirixente?

—Fun unha boa deportista porque cando vexo cousas que facía... Podíanme pedir calquera cousa, que era capaz de facela. Con todo, coas condicións que tiña, fun unha pésima competidora. Non sei aínda por que. Se por falta de coñecementos tácticos, polo meu carácter, porque non tiña xente competitiva ao redor que me axudase a subir o meu nivel... Como adestradora, pouco exercín. Así que considero que o meu mellor labor foi como dirixente.

—Cal é o segredo?

—Creo que tiven unha gran virtude, que foi ver en cada persoa a capacidade que tiña para facer algo. Ver dentro do colectivo que me rodeaba quen ía estar encantado facendo unha tarefa e quen outra. Logo, teño un gran defecto. Terrorífico. Intrínseco coa miña natureza. É o inconformismo. Iso condenoume porque nunca fun capaz de adaptarme a ese certo halo de corrupción que existe nalgúns ambientes.

—Quere dicir que a condenaron por non entrar no xogo da corrupción?

—Si. Así de claro. A min e ao taekwondo galego. Cando denunciamos e documentamos ante o CSD o que se estaba facendo na federación española, non nos fixeron caso. Con todo, a partir de aí, tomáronse represalias contra o taekwondo galego. Esa enerxía que puxemos veunos rebotada cando algunhas persoas se viron ameazadas. E, tempo despois, cinco ou seis foron imputadas por aquilo que eu denunciara. Pero para min aquilo chegaba tarde, porque me vin abandonada polas institucións do país.

—Tamén se sentiu soa en Galicia?

—Si, porque me dei conta de que os políticos acóllente cos brazos abertos cando lles ofreces algo que suma. Pero cando vas pedir axuda porque te sentes acosada por outras institucións... Aí xa son menos receptivos. Eles queren xestionar éxitos, non problemas.

—Entre as súas virtudes está a de que foi capaz de entenderse incluso cos que non eran da súa corda política.

—Cando eu era presidenta da federación galega de taekwondo non estaba afiliada a ningún partido. Entón aí non había problema de corda política ou non. Eu sei que cando chegaba a Santiago na Secretaría Xeral para o Deporte dicían: «Ahí viene la chica del BNG». Pero iso era só porque falaba galego. Logo si que me afiliei. Pero direille algo, comigo era fácil levarse ben porque eu ofrecía traballo gratis ao que ía en coche oficial. Que no fondo é o que facemos as federacións, traballar para que os políticos se luzan. Non é un reproche, é unha realidade. E oxalá todos deixasen facelo.

—Hai 13 anos que fundou Mudegá xunto a outras compañeiras... Segue facendo falta esta asociación?

—Que máis quixese eu que chegar un día e dicir: «Xa non ten sentido que Mudegá siga». Pero aínda existe esa brecha de xénero no deporte galego. E podo presumir orgullosa, xunto as miñas compañeiras, de todo o que fixemos. Mudegá era moi necesaria e demostrouse con diferentes iniciativas que tivemos. Desde o estudo realizado por Rebeca Mariño sobre a situación do deporte feminino na prensa escrita en Galicia aos premios Pioneiras ou denuncias que fixemos. Logo, teño que recoñecer que outros colectivos ou persoas inspiráronse no noso labor para outros proxectos. O cal non deixa de servirnos de felicitación. Algo teremos feito ben.

—Aínda que pasou media vida entre ximnasios e despachos, o seu é máis a vida rural que a urbanita, non?

—O meu é o mar. Como contaba nun libro que escribín, teño conciencia de ser un ser anfibio. E, cando podo, fuxo ao mar. Son feliz a 20 metros de profundidade. Pero non para facer turismo, senón para desconectar do mundo. Aí abaixo descobres que o medio acuático non é o agresivo que nos venden. Podes acariñar as rallas, os polbos déixanse facer cóxegas, os melgachos son grandes anfitrións...

—Onde atopou peores animais, no mar ou na terra?

—Os seres humanos somos profundamente imperfectos. Eu a primeira. Na terra atopeime moita xente boa, pero tamén uns cantos bichos dignos dun estudo zoolóxico. Eu recomendaría a todo o mundo que lea A morte de Iván Ilich, de Tolstói. Sobre todo vai dirixido a aqueles que fan da ambición a súa vida.

—Pero vostede é ambiciosa tamén.

—Para nada.

—Sempre tivo a ambición de que os seus grupos estivesen entre os mellores.

—Vale. Cómprollo. Pero é que a ambición é como a agresividade, pode ter un dobre fío. Tamén son agresiva, pero non de andar dando paus por aí, senón de ir con decisión a por as cousas.

—Quedo sen espazo. Para acabar, que ambiciona na actualidade?

—Gústame crear pequenos paraísos. Se tivese o diñeiro de Amancio Ortega, investiría un patrimonio incalculable en facerme con montes galegos e potenciar a plantación de árbores autóctonas. Á parte do fondo do mar, síntome a gusto no medio da broza coma se fose un xabaril ou un corzo.