Non perder na primeira semana

Delio Fernández DESDE O PELOTÓN

DEPORTES

07 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Tour 2018 bota andar cun primeiro treito, ata a etapa 10, cando entra a montaña, que se presenta en liñas xerais para os favoritos como unha sucesión de etapas para non perder o Tour. Seguro que algún deles vaino perder neste treito, porque hai etapas con posibilidade de ventos e de cortes; e despois, a tan temida dos adoquíns, ao final da primeira semana, a de Roubaix. Ese día pode pasar calquera cousa. Todos os líderes temen esa xornada, de moitísima tensión, porque nela podes perder o Tour. A partir de aí, hai moitísima montaña. Non hai moitos finais en alto, pero si moitas etapas de montaña, nas que se pode facer dano.

Vai ser un Tour máis aberto, no que os corredores van ser máis conservadores. É un trazado deseñado para deixar o Tour aberto ata os últimos días, cunha contrarreloxio no treito final, rompepernas, que vai favorecer aos corredores que cheguen en mellor estado, máis cos especialistas. A contrarreloxio non vai ser tan determinante coma noutros anos. En canto a nomes propios, este ano practicamente todos os grandes favoritos ás tres grandes carreiras van estar no Tour. Froome é o corredor a bater, pero este ano tamén correu o Giro; a ver como resposta. Nos últimos anos quen fixo Giro e Tour, no Tour non foi quen de render; pero se hai alguén que o poida facer, é Froome.

Eu estou a favor de que corra Froome. Non me parece normal a filtración que houbo do seu caso, e se non hai ningunha sanción en firme, nin Froome nin ninguén debera ser sancionado. Este tipo de casos deberan ser moito máis rápidos, non só o do Froome, senón o de calquera corredor. A tardanza da UCI foi enorme, e o único que deu lugar foi a confusión, e a opinións infundadas. Vendo outros casos parecidos doutros ciclistas, a Froome axudoulle ser quen é para demostrar a súa inocencia. Unha semana ou dez días antes do Tour, sempre aparece algo polémico.

O ano pasado non vimos un Froome dominador, e creo que este ano irá na mesma liña. Haberá igualdade. Movistar presenta tres líderes, e o problema será se non se poden entender. Entre eles está Nairo, que remata contrato este ano, e creo que vai ser un dos grandes animadores do Tour. A nómina de favoritos é longa: Nibali, Richie Porte, que é a eterna promesa do Tour, os franceses, principalmente Bardet, que leva varios anos no podio, Urán, que o ano pasado foi terceiro... O Tour sempre vai ser a maior carreira do mundo, estean os corredores que estean.