O xogador do Embutidos Lalinense, Diego Méndez, Canario, foi operado este domingo da fractura da tibia na súa perna dereita que sufriu no lance final do partido fronte ao OAR Coruña. A previsión inicial é que hoxe reciba a alta hospitalaria e despois iniciará a rehabilitación. «Para facer vida normal dixéronme que son tres meses e para poder facer calquera tipo de deporte, seis meses», explicou onte o xogador lalinense.
Este período de rehabilitación obrígao a dicirlle adeus xa a esta temporada. «A lesión é o adeus a temporada e o balonmán, me parece a min», dixo e engadiu que agora mesmo «ao 99,9 % non volverei a xogar».
Esta foi a lesión máis grave xogando para Canario na súa xa longa traxectoria. Fai sete anos sufrira unha fractura no nocello que lle obrigara a estar parado dúas tempadas, pero fóra no traballo. A do sábado chegou «da maneira máis tonta posible». Lembra que estaban na última xogada do partido. Celebrara o gol de empate de Ramón e regresaba para o seu campo onde Pincho estaba intentando cortar un balón e montouse unha tángana. «Acórdome algo. Os do OAR viñan detrás miña e, non sei se tropecei ou me empurraron, e caín o chan. Entón formouse unha tángana. Debeume quedar o pé no aire, pisáronmo e rompeu a tibia. Pablo veume no chan e sacoume. Cando quixen apoiar xa notei que esta rota», explicou, indicando que a arbitraxe propiciou un partido con moitos encontronazos.
Canario lamenta esta lesión que chegou nun ano que «estaba disfrutando moito co equipo», e máis agora coa boa liña despois do parón navideño: «Veunos moi ben o parón, estabamos adestrando coas ideas que queren Budi e Paco (Aguiar), e estaba disfrutando moito». Ao principio de tempada decidiu seguir pola situación complicada na que quedaba o equipo despois da marcha de xogadores. «Seguín para estar outro ano máis e defender con Cristian», explicou e engadiu que adestrar cos xuvenís «tamén che sacan anos de enriba».
O xogador cree que o Lalinense non terá problema para manterse na categoría, co gol averaxe a favor co OAR e cos puntos, ademais confía na recta final do equipo xa que non baixan o ritmo de adestramentos ata o fina, ao contrario que outros equipos.
Canario indicou que pese a lesión está «animado» e salienta o apoio de compañeiros, familia e amigos. Agora, empezará a a recuperación empregando a máquina TECAR, que usan deportistas como Rafael Nadal.