«Este ano o pelotón da Vuelta respéctanos como equipo»

M.?F.

DEPORTES

18 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Toca traballar. Gustavo Domínguez Lemos (O Porriño, 1980) baixa ao coche do Xacobeo Galicia e carga bidóns para os seus compañeiros. Na Vuelta a España ten que facer o labor escuro, ese que fai que os equipos roden e roden ata a meta. Porque sen gregarios non hai líder.

-Vostede pasouno mal nesta Vuelta.

-Sufrín unha infección e os antibióticos deixaron resaca un par de días, pero pensaba que ían ser peor. Dentro do que cabe, como dicía Álvaro Pino, detrás de min chegaban uns cantos máis. A verdade e que despois recupereime ben.

-¿Que tal lle sentou o Angliru?

-Eu xa o subira no 99 e parecérame realmente duro. Ao final é un porto duro que se pode subir. Pero o que nos salvou na xornada do Angliru foi que non choveu. Se chega a chover tería sido terrible.

-¿É dos que está a favor ou en contra da subida?

-Eu xa o subín, agora que fagan o que queiran (risas). Non sei, igual non é necesaria tanta dureza. Pero é certo que arrastra a moito público. Estaba ata arriba de galegos, eramos maioría. Quitando os días nos que a Vuelta pasou por Galicia o ano pasado, nunca vira tantos galegos na estrada para ver unha carreira coma nas xornadas asturianas. Foi incrible.

-¿Como valora a súa actuación na Vuelta?

-Entrei con algunhas dúbidas sobre o meu estado de forma. Pero na primeira parte atopábame a gusto. Despois xa tiven molestias pola infección. Agora estamos todos bastante cansos, eu tamén. Pero estou satisfeito, marquei como función facer labor de equipo e buscar fugas. No último obxectivo fracasei un pouquiño, pero estou satisfeito. Contamos con tres corredores moi fortes, Ezequiel, David García e Gustavo César Veloso e propúxenme que non gastaran un gramo de forza. Eles cumpriron ao 100%. É unha sorte traballar para xente que está cumprindo e que é agradecida. Así dá gusto.

-¿Que diferenzas atopa coa Vuelta 2007?

-Creo que ofrecemos moita mellor imaxe como equipo que o ano pasado. Este ano o pelotón da Vuelta respéctanos. Se nos poñemos ao fronte do gran grupo minguén protesta. So algún italiano segue piando. Gañamos a pulso o respecto do pelotón. Sobre todo con Ezequiel, que amosou ser o mellor líder que hai agora mesmo para un equipo.

-¿Como ve as opcións de podio de Mosquera?

-Non o vexo imposible, pero vai ter que loitar por él, porque os tres que están diante na clasificación son terriblemente bos, basta con mirar o seu palmarés. Pero Carlos Sastre está cerca de Ezequiel. Teremos que ver como están as forzas na cronoescalada. A verdade é que Ezequiel está soportando moita presión.

-¿Como está o tema do seu futuro profesional?

-Espero continuar neste equipo un ano máis, a verdade é que estou moi contento aquí. Ao principio da Vuelta falouse algo do tema, pero non hai nada decidido, sería o meu desexo quedar no Xacobeo.