Gómez Noya confía en que o triatlón galego colla pulo

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

DEPORTES

PACO RODRÍGUEZ

Recibiu a homenaxe da Xunta polo título mundial acadado en Cancún

07 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Javier Gómez Noya segue colectando homenaxes e mostras de agarimo dende que a fin de semana acadase en Cancún o título de campión do mundo de triatlón. Onte foi a quenda institucional, na sede da Consellería de Cultura e Deporte. O ferrolán recibiu de mans da titular do departamento, Ánxela Bugallo, unha placa conmemorativa. El, pola súa banda, tivo palabras de recoñecemento pola axuda achegada nos peores momentos, cando o Consello Superior de Deportes lle retirou a licenza por entender que podía perigar a súa saúde por mor dunha valvulopatía conxénita na aorta. «Quero agradecer este recibimento -expresou Gómez Noya- e o apoio que sempre recibín da Dirección Xeral para o Deporte. Sobre todo, agora podo estar competindo grazas, en parte, ao seu apoio e máis o da Federación Galega de Triatlón. Isto hai que agradecelo nos momentos bos. Grazas a eles podo estar celebrando este trunfo». Tamén se acordou no seu discurso da ampla cobertura que lle deron os medios de comunicación a súa conquista e subliñou o seu desexo de que todo iso redunde a prol do triatlón galego, «para que siga medrando e se coñeza cada vez máis». Expectativas superadas Ánxela Bugallo empezou por felicitar a Gomez Noya por tan excelente resultado. Non pasou por alto que a Xunta sempre apostou pola proxección deste deportista, no convencemento de que acadaría grandes resultados. Pero o campionato do mundo supera as mellores expectativas: «É un título moi valioso no só porque é o primeiro triatleta do Estado que o consegue, senón polo que significa para o triatlón galego». A conselleira tamén salientou o valor do éxito acado por Gomez Noya en tanto que servirá como espello para todos os que practican triatlón en Galicia, ademais de animar a novos deportistas a mergullarse nesta especialidade. No acto de entrega da placa conmemorativa tamén estiveron o adestrador de Gómez Noya, Javier Rioseco; o presidente do Club Cidade de Lugo Fluvial Triatlón, Antonio Rodríguez Montecelo; o vicepresidente da Federación Galega de Pentatlón Moderno e Triatlón, Francisco Villanueva; o director xeral para o Deporte, Santiago Rodríguez; e o xefe provincial de Deportes de Lugo, Eduardo Fernández Abel, que acompañou ao homenaxeado dende a cidade das murallas. Gómez Noya, encantado con tódas as mostras de agarimo que lle están chegando, non se conforma e anticipa que intentará corresponder con novos éxitos.