«Imos defender o maillot galego, hai que dar o máximo»

Mariluz Ferreiro REDACCIÓN

DEPORTES

De neno era «regordecho», pero subía ben na bici e non se baixou dela; correu en Portugal, no Relax e no Orbea, e agora volve á casa

29 oct 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Debutar cunha fuga é toda unha declaración de intencións. Así arrancou Gustavo Domínguez Lemos (1980) no ciclismo profesional. No Boavista, no 2002. «¿E quen ía dicirme que a aventura me traería de volta a Galicia?», di o propio corredor, que no 2007 estará no Karpin. -¿Como empezou no ciclismo? -Meus irmáns andaban en bicicleta e meu pai era afeccionado. Tamén me animou o éxito de Álvaro Pino na Vuelta a España. É curioso, Pino foi a figura que me animou a empezar e agora vaime animar a correr este ano como director. Comecei con once anos. Corrín probas de promoción co Spol.?Marcial Rodríguez e Modesto Pérez foron os meus mentores. -¿Esperaba chegar a ser profesional? -Cando vía o ciclismo na tele, parecíame un deporte moi difícil. Tenteino noutras disciplinas, pero non me foi ben. Probei o baloncesto, pero era moi pequeno, nin cheguei a competir. O fútbol non me gustaba. Fixen artes marciais, pero dei dúas patadas e cansei. ?O meu era a bicicleta. Iso que era gordecho, un reboliño, e ninguén daba un peso por min. ? -¿Non o vían como ciclista? ?-Cando era cadete, sempre era o máis pequeno e regordecho. Dicían ''este non gaña''. E cando conseguía unha vitoria afirmaban que era de chiripa. Dicían ''¡vaia como sobe o anano gordo este!''. -¡Que malos! -Non, sinceros. Un ano tiven problemas coa alimentación, pero xa o teño superado. -¿Que tal lle foi na súa etapa portuguesa? -Os mellores recordos que teño son dos meus anos no Boavista. Aí acadei o que quería de pequeno. Xuntámonos Jufre, Palomares, Veloso, Bernabéu... Un equipo humilde pero bo. Tratáronme ben. Portugal é unha boa lanzadeira. Eu recoméndollo aos que non atopan unha oportunidade aquí. -¿Pensou algunha vez que tiña que deixar a bicicleta? -É curioso, cando me quedei sen equipo despois de estar no Relax non me afundín. Foi máis tarde cando me dei conta de que estivera a piques de deixalo. E o ano pasado fixérame ilusións con correr nun equipo belga co que mantivera contactos. Foi frustrante non logralo, pero ó final apoioume Orbea. -¿Cal foi o seu mellor momento? -O meu debut profesional, no 2002. Foi no Algarve. Metinme nunha escapada e por pouco non chego á meta. Pero fun fuxido porque tiña que debutar da mellor maneira posible. E no Relax, case gaño en Villafranca de Ordicia, no 2004. -¿Que lle aportará Gustavo Domínguez ao Karpin? -Imos defender o maillot galego, hai que dar o máximo. Tentarei estar a maior parte do tempo escapado. Eu son un corredor combativo, dos que atacan e atacan. Loitarei por gañar unha etapa nalgunha proba. Imos ter un equipo equilibrado e integrado por amigos. E traballar con amigos non ten prezo.