Din don din. Atención, pasaxeiros racinguistas con destino a El Ejido, sorteen prazas que só caben 22 no voo. E Luis César fai reconto: Manolo, ó fisio, ó ATS... Pois quedan en terra dous xogadores. Unha fin de semana empatas contra o Atleti e á seguinte viaxas co posto para visitar ó colista de Segunda por falta de prazas no avión. O fútbol, que dá moitas voltas sen moito espacio nin tempo. E mentras na televisión unha compañía invita a voar coa ingrávida Come Fly with Me, o Racing descarta a idea de montar unha caravana verde para chegar a Almería. Importar futbolistas de todo o mundo para esto. Por algo din os de Porto Alegre que o da globalización, depende. Aínda que peor son as pasaxes en patera que venden no sur. Ou a ameaza de Gaspart de saír do Camp Nou en globo se o Barça gaña a Liga. Xa postos, que bote cinco semanas.