DECLARACIÓNS
05 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O seleccionador español, José Antonio Camacho, mostrouse tranquilo e confiado ante o partido de mañá. A seguridade non lle preocupa en exceso -«Agardo que non pase nada, como ata agora», afirmou- e a posición cómoda de España á frente do grupo de clasificación para o Mundial de Xapón e Corea lle permite estar algo máis relaxado. O adestrador deixou claro que o seu único punto de atención é o choque de Tel Aviv e non o clima de preguerra existente na zona. «Dixen antes do encontro con Bosnia que só me preocupában os tres puntos e agora o partido contra Israel», sinalou. Con respecto ó posible troco no eixo do equipo e a saída de Helguera do once titular, Camacho quixo defende-lo tándem que forman Guardiola e mailo madridista. Na súa opinión, «son dous xogadores que actuaron moitas veces xuntos no equipo español e sempre fixérono ben. De tódolos xeitos, é bo que haxa estas especulacións». O seleccionador confirmou «dous ou tres cambios» no equipo e, aínda que non os concretou, un de eles será o de Valerón por Helguera. Da selección israelí, o técnico murciano afirmou que «no seu campo é máis forte que Austria», o outro integrante do grupo, co que España empatou en Viena. Camacho loubou as boas individualidades do equipo dirixido polo danés Richard Moeller Nielsen e asegurou que non lles vai adicar unha marcaxe especial «porque nós sempre marcamos en zona».