Chancas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Ata onde a miña memoria alcanza a debuxar o pasado, o meu avó Benito, da casa dos trocados, é un dos devanceiros máis nítidos que lembro en vida. Aínda que hoxe sinto magoa de todo o que quedou por falar, a súa morte, cando eu apenas cumpría os vinte anos, ergueu un muro de néboa que me impediu viaxar máis lonxe con el. Marchou xusto nese limiar cando eu abandonaba a adolescencia, un tempo no que as miñas inquedanzas eran aínda limitadas e cegas á inmensidade que nel habitaba. Aquel home era un arquivo vivo de silencios e asombros, un sabio con vivencias que darían para escribir volumes de lenda. Pero hoxe, de súpeto, a lembranza trouxome un aceno vestido de música. O Benito da Felicidade —a miña avoa, que levaba o destino no nome— era un home elegante, cunha alma labrega das que medían o día dende o amencer. Arredor das sete da mañá de cada verán —tempo sagrado da miña infancia na aldea—, saía co sacho ao lombo rumbo aos lameiros, disposto a tornar as augas, a outros mesteres e a conversar coa terra.

O asombroso era a súa liturxia: o avó Benito sempre ía de traxe. Un traxe de faena, si, pero xamais lle faltaban a chaqueta armada, a camisa limpa, o pantalón ben pasado e aquelas chancas de madeira coas que pisaba o mundo. Ese apego relixioso polas súas leiras e polas raíces sempre me pareceu un misterio fascinante. Quizais porque gardaba no peito o eco doutro mundo que agora comezaba a mudar vertixinosamente. Pasou anos cruciais en Santiago de Cuba, respirando o aroma do Caribe ata que a revolución o devolveu á terra. Cuba foi a súa luz e tamén unha fonda ferida; mais de alá trouxo un repenique que endexamais esquecerei. Nas sobremesas, mentres a familia conversaba, o avó Benito, silandeiro, batía coas súas chancas no chan, recreando o ritmo de rumba que escoitara naquela illa. Eu fun o único neno da casa que tivo a ousadía de preguntarlle por aquel compás estraño que nacía do bater das súas zocas. Hoxe, cando o avó xa é terra, eu sigo sendo quen de reproducir ese son exacto cos meus propios pés, leve o calzado que leve. Non é só memoria; é unha herdanza xenética, un latexo de madeira a bater contra a pedra que, a través de min, négase a morrer.