Anosa música non é unha liña recta que se perda no horizonte, non é un camiño con principio e fin. É, por riba de todo, un eterno abaneo espiraliforme. Un movemento que nace no centro mesmo da terra, na raíz profunda que nos sostén, e que vira sobre si mesma para medrar, para expandirse e para abrazar o tempo. Neste camiño, o remate é a propia intensidade do xiro; ese punto exacto onde a memoria e o presente se funden nunha danza que non entende de pausas.
O motor deste movemento é un pulso primixenio que marca o compás da nosa existencia. Ese golpe rítmico, profundo e constante que funciona como o corazón dun organismo vivo. Non só indica o tempo, senón que convoca as forzas da festa e do rito, creando un eco que retumba nos peitos. Trátase dunha chamada que nos lembra que a tradición non é un obxecto estático para ser contemplado museisticamente, senón un corpo que respira e que necesita un pulso firme que axude a que non se deteña nunca.
Hai ritmos que viaxan e son quen de se transformar, melodías que minguan e medran, mudando de idea pero mantendo o esencial. Na música que habita a espiral, o baile faise carne; é un remuíño de enerxía que desafía o esquecemento, unha forza centrífuga que nos empuxa a saír de nós mesmos para atoparnos cos outros no devalar constante do xiro. Somos os fillos dunha xeografía que se debuxa en círculos, semellante ás ondas da auga ou aos aneis que contan a idade das árbores, onde as voces dos instrumentos se entrelazan como fíos nun tear infinito. Conexións invisíbeis que nos conducen a través do tempo pero que sempre nos devolven ao mesmo punto central. Nesta viaxe circular, o regreso nunca é retroceso. Aínda que a melodía nos leve de novo ao punto de partida, nunca son os mesmos aqueles que inician o movemento. En cada volta da espiral hai un descubrimento, un matiz novo, unha pegada que antes non estaba alí. Porque no eterno devalar da nosa propia esencia, a música ensínanos que a única forma de avanzar cara ao futuro é saber xirar con elegancia sobre o que xa fomos. Non hai perda posible cando o ritmo nos devolve ao centro, ao lugar onde o son se fai verdade.