Tanxugueiras buscará co seu novo disco, «O cuarto», repetir o 17 de outubro o histórico concerto do 2023 no Coliseum
CULTURA
O explosivo trío celebrará ademais o seu décimo aniversario na única presentación do álbum que fará este ano en Galicia
03 mar 2026 . Actualizado a las 21:34 h.Tanxugueiras está de moi feliz aniversario. O explosivo trío que integran Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro cumpre dez anos. E anuncian un regreso de novo ao escenario do recinto con maior aforo do noroeste peninsular: o Coliseum da Coruña. Foi alí mesmo onde en decembro do 2023 —no peche da xira Diluvio— fixeron historia ao converterse no primeiro grupo galegofalante que penduraba o cartel de sold out nunha instalación na que reuniron preto de 9.000 persoas. Iso é o que perseguen repetir aproveitando a estrea do seu novo álbum, O cuarto, na que será a única comparecencia en Galicia este 2026 ao fío da presentación deste traballo. «Non vos preocupedes, que o disco terédelo moooooito antes para que vaiades coas cancións aprendida», chanceaban na conta do grupo en Instagram. As entradas para a cita, que terá lugar o 17 de outubro, estarán dispoñibles desde as 12.00 horas deste mércores 4 de marzo na web de Ataquilla e na billeteira da coruñesa praza de Ourense.
A actuación —insisten— preséntase como un concerto «único e exclusivo», na busca dun momento profundamente simbólico na súa traxectoria: a estrea en directo no país do seu cuarto traballo discográfico, un álbum, producido xunto con Iago Pico e Gabi Fernández, que quere reflectir «a evolución artística do trío cara a unha proposta máis madura e reafirma o seu compromiso coa lingua e o folclore galegos, piares esenciais da súa identidade». O regreso ao Coliseum quere representar de novo un reencontro cheo de significado, «unha experiencia musical, cultural e comunitaria de máxima intensidade co seu público máis fiel e con todas aquelas persoas que se foron sumando ao longo destes anos», sinalan.
Será, inciden, moito máis ca un concerto, unha noite concibida para compartir, emocionarse e conmemorar dez anos de historia, ademais de marcar «o inicio dunha nova etapa para o trío que revolucionou a música galega».