Farmacéutico e xornalista, foi un dos fundadores das Irmandades da Fala e unha figura clave do galeguismo que conmemoran a asociación cultural Alexandre Bóveda e Cántigas da Terra
04 mar 2026 . Actualizado a las 22:45 h.O Circo de Artesáns da Coruña acolleu este martes un acto de homenaxe a Antón Villar Ponte no 90.º aniversario do seu pasamento —que se cumpre este mércores 4 de marzo—, nunha iniciativa organizada pola asociación cultural Alexandre Bóveda e por Cántigas da Terra. Farmacéutico e xornalista, Villar Ponte (Viveiro, 1881-A Coruña, 1936) foi unha das figuras máis relevantes das Irmandades da Fala, entidade que contribuíu a fundar en 1916 —tamén participou o seu irmán Ramón—, nunha campaña que xermolou cunha iniciativa que lanzou orixinalmente dende as páxinas de La Voz de Galicia para a creación dunha Liga de Amigos del Idioma Gallego. Desenvolveu unha intensa actividade política, xornalística e literaria. Foi director de A Nosa Terra, presidente de Cántigas da Terra e membro da Real Academia Galega. Fondamente comprometido co país, foi elixido en 1931 deputado pola ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma) e, cinco anos máis tarde, polo Partido Galeguista. «Non foi só un xornalista comprometido. Foi un activista, un activo, un activador das Irmandades da Fala, un organizador, e un impulsor dunha Galicia que quería pensarse a si mesma con dignidade», subliñou Gonzalo Castro, concelleiro de cultura da Coruña, que enxalzou a fonda pegada que Villar Ponte deixou na cidade. «Mantivo unha estreita vinculación co tecido social, xusto aquí, no Circo de Artesáns, espazo fundamental da vida cultural e asociativa. Aquí, como noutros espazos, latiu esa vontade de país que Villar Ponte soubo expresar con claridade e determinación», engadiu Castro.
Na homenaxe houbo unha actuación de Cántigas da Terra e unha lectura de textos do propio Villar Ponte.