Xesús Alonso Montero, o vello profesor

CULTURA

Víctor Freixanes e Alonso Montero durante a presentación do libro sobre María Victoria Moreno
Víctor Freixanes e Alonso Montero durante a presentación do libro sobre María Victoria Moreno MARCOS MÍGUEZ

13 feb 2026 . Actualizado a las 13:50 h.

Chove enriba do mundo e con enorme tristeza despedimos o vello profesor. De que outra maneira definir a personalidade do mestre, sementador de tantas consciencias, tantas xeracións que pasaron polas súas aulas, polo seu maxisterio? Eu non fun alumno seu. Pero coñecín compañeiros e amigos que o foron. Moita da súa ciencia, da súa sabedoría, sobre todo do seu compromiso cívico, corría pola Galicia dos anos 60, e os que chegabamos á universidade na fervura do 68, nos días das loitas pola liberdade, as Voces Ceibes de Compostela, a bandeira da lingua galega como compromiso que nos arrastraba a prol dunha sociedade mellor, as asembleas na facultade, os rexistros da policía político social, sabiamos da existencia daquel profesor de Lugo que prendía unha luz diferente no corazón dos seus alumnos. No corazón e no pensamento: nesas idades tan significativas (tan transcendentais) que son os anos da adolescencia. Dicía Max Aub que un é de onde fixo o bacharelato.

Os alumnos de Alonso Montero, don Xesús, traían na fronte unha estrela, como escribiu Curros falando de Rosalía: a estrela da curiosidade intelectual, a estrela do compromiso social, o espírito crítico, a emoción e o amor pola lingua dos avós (que non sempre falabamos os netos), a razón da liberdade, a dignidade da cidadanía… Se cadra non eramos conscientes desa sementeira, pero estaba alí.

No meu caso souben do maxisterio de Alonso Montero moito antes de coñecelo persoalmente: a través dos seus alumnos, que chegaban a Santiago dende as aulas de Lugo. Se facemos reconto das persoas que pasaron por el, hoxe instaladas en moi distintas profesións, non nos chegarían as páxinas do xornal para nomealas todas. Poderiamos falar do sociolingüista, do orador, do ensaísta, do historiador da literatura, do académico, do escritor nos xornais, do activista, do erudito, mesmo do narrador e poeta, amigo dos amigos, músico nas festas, tocador de pandeiro… mais o que mellor o define é sementador, vello mestre, pegada imborrable na nosa memoria.