O Curtas de Vilagarcía convértese no primeiro festival galego con voz e voto nos Fugaz, os maiores premios da curtametraxe en España
CULTURA
O festival do imaxinario arousán continúa reforzando o seu papel de axente activo dentro da industria cinematográfica nacional
30 ene 2026 . Actualizado a las 07:25 h.O Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa continúa dando pasos no empeño da súa dirección por elevar a proxección nacional e internacional do certame. Desta volta, en clave española, consumando a súa incorporación á rede dos Premios Fugaz, os galardóns de maior peso no sector da curtametraxe hispana, salientan desde a capital arousá.
A asociación que encabeza Luis Miguel Rosales salienta ademais que o Curtas se incorpora con todas as da lei á rede dos Premios Fugaz en calidade de festival amigo. Isto é, máis aló dunha colaboración simbólica, súmase aos axentes do sector con voz e con voto na comisión encargada de decidir o palmarés de cada edición nas 19 categorías recoñecidas cada ano desde que no 2017 a entidade CortoEspaña decidise crear o equivalente aos Premios Goya só para curtametraxes, con máis de 1.500 profesionais do sector participando na elección dos mellores traballos de cada exercicio.
Desde o festival do imaxinario de Vilagarcía salientan tamén que se converten no único certame de Galicia integrante da rede dos Fugaz. Un factor que reforza, di o equipo de Luis Miguel Rosales o seu compromiso cos creadores, consolidando o papel de axente activo dentro da industria cinematográfica española do Curtas.
En liña co Curtas Mutantes
A incorporación á rede dos Fugaz vai na mesma dirección da convocatoria do concurso Curtas Mutantes, iniciativa impulsada da man da produtora pontevedresa Producciones Mutantes, que premiará o mellor guión presentado cunha rodaxe de 5 minutos de metraxe nun escenario de Vilagarcía con medios e con asesoramento de nivel profesional.