Miguel Queixas, batería de Brothers in Band: «A música de Dire Straits ten hoxe unha fortísima pegada»

Amara Santos REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Brothers in Band, nunha actuación.
Brothers in Band, nunha actuación. Carla Gorter

Brothers in Band interpretará os temas do mítico grupo o 20 de decembro nun concerto no Pazo da Ópera que pechará o ciclo A Coruña Live Xperience by CaixaBank

12 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A icónica xira mundial 1985-86 da banda británica Dire Straits viaxará no tempo ata o próximo 20 de decembro para voltar con toda a enerxía no escenario do Pazo da Ópera da Coruña ás 20.30 horas. Os encargados de facelo posible serán Brothers in Band, que presentan o seu espectáculo homenaxe ás catro décadas que cumpre o álbum Brothers In Arms.

Dire Straits- Brothers in Arms 40Th Anniversary European Tribute Tour cerrará a edición do 2025 de A Coruña Live Xperience by CaixaBank. Por este ciclo pasaron nos últimos meses a portuguesa Carminho, o australiano Xavier Rudd, Santiago Auserón & La Academia Nocturna, Duncan Dhu e Xoel López. Este ano o grupo tributo protagonizou 66 concertos en sete países e para o 2026 teñen xa máis de 40 confirmados, comezando o 16 de xaneiro en León.

Brothers in Band en una actuación.
Brothers in Band en una actuación. Carla Gorter Fotografie

En todos eles recrearon as distintas etapas da inmortal banda de Mark Knopfler, distinguíndose pola fidelidade aos temas e o coidado dos detalles, afirma o batería de Brothers in Band, Miguel Queixas, ao que lle emociona pensar que levan máis anos facendo tributo ao grupo que o tempo que estiveron en activo (de 1977 ao 1992). Curiosamente, o último concerto dos británicos foi en Zaragoza.

Os inicios de Brothers in Band foron en paralelo aos da banda, arrincando o formato como cuarteto e crecendo en membros desde o 2007. Queixas chegou no 2008, un tempo no que actuaron tanto en Laracha coma na capital peruana de Lima esgotando o aforo dos recintos. A pesar do paso do tempo, destaca que o obxectivo non é outro que «manter a fidelidade aos Dire Straits e especializarnos nas etapas históricas con catro espectáculos», concreta.

«A música da banda ten unha fortísima pegada en moitas xeracións, cunha carga emocional e compositiva tan grande que o público cada vez é máis novo e móvese entre os 40 e os 80 anos, o que demostra a grandeza dos Straits», asegura, mentres deixa claro que «non somos imitadores, senón intérpretes».

O punto de inflexión dos Brothers in Band represéntase na figura de Angelo Fumarola, o seu particular Mark Knopfler (líder dos Dire Straits), que axudou a unha expansión internacional do grupo tributo por Europa e Sudamérica. Salvando as distancias, Queixas sentenza que «os únicos que eran bos eran os Dire Straits e nós non o somos» e avanza que na actuación da Coruña haberá «momentos de intimidade, plenitude, enerxía e emoción».

Why Worry, Tunnel Of Love ou Ride Across the River son algunhas das cancións máis especiais para Queixas, quen nun futuro próximo estreará coa banda dous novos espectáculos que xa teñen entre mans. Descansar non está nos seus plans, sempre que «a saúde o permita». «Temos moitas ideas e ilusión e desfrutamos, mentres o público queira vernos, alí estaremos», promete.