Descifrando as razóns dun tempo

Ramón Nicolás

CULTURA

Xosé Luís Franco Grande
Xosé Luís Franco Grande MARCOS MÍGUEZ

A profesora Teresa Seara reúne nun volume a poesía de Franco Grande, que entraña «unha parte significativa da nosa memoria literaria»

16 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Recoñezo que cheguei á literatura de Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 1936-Vigo, 2020) a través da súa obra ensaística. Libros como Os anos escuros (Xerais, 1985; Galaxia, 2004), A ilusión da esperanza (Do Cumio, 1991; Galaxia, 2019), mesmo a súa biografía sobre Francisco Fernández del Riego (Ir Indo, 2001) resultaron, inequivocamente, testemuños e crónicas de alto valor para coñecer un tempo clave que explica a evolución da cultura galega nos tempos máis difíciles do século XX e parte do XXI. O exercicio de recuperación e interpretación dese tempo supuxo para min, coma para outras persoas, un labor impagable. Tampouco sería xusto ignorar, alén da obra xornalística de opinión que espallou en diferentes medios e con especial fecundidade en La Voz de Galicia, sen dúbida ben merecente de estudarse e compilarse, o seu labor como lexicógrafo que tan fundamental resultou para a aprendizaxe da lingua galega con aquel Diccionario galego-castelán (1968), quen dubida que un verdadeiro servizo ao país.

Neste sentido é unha fortuna poder complementar agora o coñecemento da súa traxectoria creativa coa lectura do volume Un intre no tempo. Poesía reunida 1967-2017, que vén de editar Galaxia hai poucas semanas e que posibilita, entre outros aspectos, achegarse á súa obra poética nun único volume. O libro recolle, así pois, os seus catro libros poéticos —Entre o si e o non (1967), O tempo á espreita (1987), Xoguetes do tempo (2015) e o Libro das abandonadas (2017)— nunha edición anotada disposta con agarimo e rigor filolóxico pola profesora Teresa Seara. Ela mesma é a responsable dun breve mais preciso e revelador limiar que se vén engadir a outros textos que abordaron, ata agora, a súa personalidade biográfica e ofreceron unha lectura valorativa e crítica da súa obra como se recolle nas análises que escribiron no seu día Ramón Lorenzo, Vicente Araguas ou Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outras voces. Seara, ademais, ilumina con numerosa e minuciosa documentación o seu percorrido vital e a significación que a súa obra, como autor membro da chamada xeración das Festas Minervais, proxecta no seu tempo e aínda hoxe. Atenta sempre á sorte editorial que correron os libros aquí compilados, e mesmo a outros inéditos como o titulado Brétemas do vieiro, a editora literaria sistematiza os asuntos tratados na súa obra lírica desde un existencialismo de raigames filosóficas que se cuestiona os porqués da condición humana, pasando pola busca da propia identidade ata a recreación do amor e o desamor, sen esquecer a vea comprometida e reivindicativa que tamén abrazou ao longo do seu percorrido creativo. Libros, por certo, sempre divididos en estruturas cuadripartitas ao asumir, tal e como nos sinala a editora do volume, que o catro sería o fundamento da psique humana tal e como afirmaba Jung.

Un intre no tempo, así pois, testemuña o oficio de poeta que desempeñaba, con sabedoría e talento, Franco Grande. O polifacético creador de Tomiño deixou unha obra que resulta operativa para descifrar as razóns dun tempo, tantas veces escuro e difícil, na voz dun poeta versátil, dotado de pulso firme e que recreou asuntos que abrazan a actualidade aínda hoxe porque son perennes.

A súa voz deixou versos escintilantes como os que afirman «Digo maceira, rola, ponte e fonte // e estas palabras van tecendo o mundo; // eu ben sei cando as digo // que o mundo xorde entón, nacido delas». Hai moitos máis deste teor e convido a coñecelos pois supoñen, por extensión, a recuperación dunha parte significativa da nosa memoria literaria.