Nos meus frecuentes paseos pola ribeira entre a praia de Sabón, en Arteixo, e a de Baldaio, en Carballo, levo observado dende hai tempo a proliferación dunha árbore que me chamou a atención dende o primeiro día. A verdade é que resulta notable vela na liña costeira, á beira dun mar moitas veces hostil e bravo, pois, mentres outras especies sofren as inclemencias dese clima, esta vese comodamente adaptada. Como son moi curioso coas plantas e as árbores, hai anos que teño descargada unha aplicación no móbil que me axuda a identificar aquelas que non coñezo, e grazas a ela descubrín o metrosidero. Estas árbores de folla perenne son orixinarias de Nova Zelandia, país coñecido na lingua maorí como Aotearoa, cunha climatoloxía e paisaxe moi semellantes ás nosas. O metrosidero ou phutukawa (árbore de lume) ten varios exemplares espectaculares en Galicia que incluso forman parte do catálogo de árbores senlleiras, coma o do xardín da Torre dos Andrade, en Pontedeume, ou o que está no xardín da Policía Local da Coruña, coñecido tamén como árbore das bruxas.
O seu papel principal é como árbore ornamental en casas e xardíns moi ben adaptados ao clima costeiro. As súas pequenas flores vermellas, moi rechamantes, foron o principal motivo que me fixo reparar nel. Pola antigüidade do exemplar coruñés, estimado en arredor de 200 anos, existen varias hipóteses sobre a súa chegada. A máis documentada e aceptada suxire que estas árbores chegaron a Europa por vez primeira no 1771 na expedición do buque HMS Endeavour, un histórico barco da Mariña Real británica capitaneado por James Cook, no que viaxaba un equipo de naturalistas e botánicos entre os que estaba Daniel Solander, quen catalogou esta especie en Nova Zelandia. Dita expedición, na ruta de volta a Inglaterra, fixo escala na Coruña, onde se cre que Solander ou algún membro da tripulación puido deixar algún exemplar desta árbore no antigo hospital que ocuparía despois a Policía Local. Con todo o fermoso que é, cómpre ter precaución para que non chegue a converterse nunha especie invasora, como xa o é en Sudáfrica e nas illas Azores. E nisto deberiamos de ter experiencia, non si?