Adaptando a suxestiva idea do lector implícito de Todorov, tamén eu, cada vez que me sento a escribir esta columna, estou inevitablemente condicionado polo lector que imaxino consome as miñas paparruchas. De tal xeito, cando escribo de cine, música ou, simplemente, evoco retallos da vida, creo que o depositario ideal será unha muller ou home da miña quinta, que, por razón de idade e mundo compartido, conecta coas miñas reflexións con maior éxito ca unha persoa máis vella ou máis nova. Falei da miña quinta: agora, este termo, de infortunado regusto militar, quedou desprazado polo máis civil xeración, aceptado socialmente para caracterizar, co conseguinte apelido, os sucesivos continxentes demográficos de Occidente tras a Segunda Guerra Mundial. Nesta taxonomía, este menda sitúase entre a xeración silenciosa e a xeración X. Tras esta última vén a xeración Y e, xa en pleno tour de siècle, a xeración Z, resultando, de momento, un auténtico enigma con que letra, símbolo, grafo ou glifo se bautizarán as xeracións seguintes, tendo en conta as limitacións do abecedario.
Redactando esta columna, acudín ao dicionario e confirmei a sospeita de que o anglicismo que designa a miña xeración non goza aínda da preceptiva adaptación á nosa lingua. Permítome, entre liñas, suxerirlles aos nosos sisudos lexicólogos que búmer (adaptación do inglés boomer) pode ser serio candidato a incorporar en vindeiras edicións do repertorio léxico patrio para definir os fillos do baby boom, ou natalidade explosiva derivada da euforia social que significou enviar á artesa das lembranzas os horrores da Segunda Guerra Mundial e, en España, nomeadamente da Guerra Civil. Con todo, o arco temporal dos bumers (convencionalmente 1946-1964) é abondo amplo como para que agromen diferenzas importantes: unha infancia da década dos cincuenta foi, por moitos motivos, distinta dunha infancia na dos sesenta, que é a miña. Nacer en 1960 implicou pillar os fascinantes oitenta con toda a puxanza da mocidade, sentar a cabeza mediando os noventa (para todo hai excepcións), vivir dende entón atado a unha hipoteca e arribar ao continente dixital en patera. Polo demais, nunca pasei fame nin medo, pero lembro os maiores falaren da fame e o medo. E iso curte.