As beguinas, a historia medieval dun legado de emancipación e silencio feminino
CULTURA
A abadinesa Aroa Chao expón en Bruxelas o seu proxecto sobre as beatas
19 oct 2025 . Actualizado a las 16:53 h.«Fiquei tan sorprendida da beguinaxe de Lovaina, a súa arquitectura e todo o impacto simbólico que ten, que a partires de aí decidín facer unha investigación sobre esta parte tan importante da historia e o patrimonio de Bélxica». Así lembra a artista e antropóloga de Abadín, Aroa Chao, o comezo da súa fascinación polas beguinas. Un inicio fulminante, case místico, que deu como resultado a exposición Begin the Beguine que está a amosar en Bruxelas ata o 26 de outubro.
A historia adoita estar escrita polos gañadores, pero hai pegadas afastadas da narrativa oficial que logran resistir. É o caso das beguinas ou beatas, mulleres que no século XII comezaron a vivir en comunidades libres adicadas ao labor relixioso, social e intelectual nas súas propias minicidades: as beguinaxes. Este xeito de vida, moi presente en Bélxica, Países Baixos, Alemaña e Francia foi unha vía de emancipación feminina perseguida e silenciada polas autoridades eclesiásticas que, malia todo, logrou sobrevivir; a última beguina morreu no ano 2013 levando con ela case 900 anos de servizo ao próximo. As persecucións sufridas por estas mulleres fixeron que marchasen a moitos puntos de Europa, incluído Galicia; no noso territorio hai trazos dunhas 30 antigas beguinaxes que a artista tamén inclúe no proxecto.
A exposición ten lugar na Igrexa de San Xoán Bautista, no centro de Bruxelas; un templo construído sobre unha antiga beguinaxe e con múltiples tumbas de beatas no seu chan. «É un sitio ideal, xa que aquí estaba a beguinaxe orixinal de Bruxelas. Sempre tiven a idea de poder habitalo e facer del un fogar igual que era este movemento», declara Chao. A igrexa tamén destaca polo seu labor social: á vez que ten lugar a exposición acolle a nenos refuxiados. Unha homenaxe fortuíta pero potente do legado destas mulleres.
Chao expón a historia das beguinas apoiándose da pintura, o texto, o téxtil ou o vídeo; un carácter multidisciplinar que, segundo ela, honra as creacións de escrituras místicas, encaixe, pintura ou manuscritos feitas polas beatas. Os múltiples xeitos artísticos buscan espertar conciencia sobre unhas comunidades tapadas e perseguidas polas autoridades eclesiásticas, amais de contar a historia de mulleres como Marguerite Porete, autora do Espello das ialmas simples e vítima da Inquisición; Matilde de Magdeburgo, mística célebre, ou Marie de Oignies, que recibiu estigmas antes que Francisco de Asís.
Unha historia de mulleres silenciadas transmitida ao longo de xeracións non só no eido relixioso, como amosa a artista empregando imaxes de familiares femininas. «Ese xesto intanxible que moitas veces está nas casas, no aire, nos murmuros das nais e avoas