Serpes

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

XOSE CASTRO

29 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco revisando fotos que tiña feito anos atrás, atopei un arquivo onde gardaba una secuencia de imaxes sobre a Pedra da Serpe de Gondomil. O penedo está situado nun cruce de camiños nesa parroquia de Corme?Ponteceso, e nel vese unha impresionante serpe con alas labrada detalladamente na propia rocha granítica sobre a que hai chantada unha cruz de tipo latina que cristianiza a imaxe pagá da serpe. A cruz que vemos hoxe non é a orixinal, derribada accidentalmente hai anos e substituída por esta de trazos máis modernos. A orixe deste monumento é incerta e hai diferentes teorías e hipóteses. A historia conta que un dos pobos que se asentou en Galicia na Idade de Ferro foron os Saefes, cuxo animal totémico era a serpe. Situados principalmente no norte de Portugal e sur de Galicia, foron responsábeis dun dos primeiros nomes cos que se coñeceu esta terra que segundo as referencias históricas foi Ophiusa: terra de serpes. Previamente a denominación era Oestrimnia, terra dos Oestrimnios, un pobo que tivo que tivo que fuxir debido a unha praga deses réptiles. Pode que isto teña relación coa cantidade de alusións que aínda existen por toda Galicia. Atopámolas en petróglifos como o da Pedra da Beillosa cunha impresionante serpe de máis de dous metros ou a do Castro de Penalba, ambas as dúas en Campo Lameiro, e tamén está a de Troña en Mondariz entre outros. Perviven tamén infinidade de lendas de tradición oral, moitas delas relacionadas co folclore dos castros e por suposto unha significativa pegada na toponimia: A Cova da serpe, Camiño da serpe, Cabo da serpe... O da cobra alada de Gondomil é unha excepcionalidade coincidente co mítico Cuelebre tan popular en Asturias, León ou Cantabria. Animais que sobreviven na mitoloxía, emparentados cos simbólicos dragóns presentes en moitas outras culturas e dos que aquí temos varias referencias como as do dragón do Pico Sacro ou a das míticas Cocas e Tarascas habituais en moitos lugares costeiros galegos. Alén do propiamente mitolóxico non entrei a salientar neste texto a riquísima herpetofauna que temos por todo o territorio considerada un excelente xeito de medir a calidade medioambiental. Queda para outro momento.