O patrimonio do coñecemento

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE COCODRILO

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

23 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Que a esperanza de vida dos europeos se duplicase do século XIX para acó é un dos logros máis definitivos diso tan caro a Occidente, e tan descoñecido en boa parte do sur global, que chamamos estado do benestar. Eu mesmo, que veño de chegar á liña fronteira (os 65) tras a cal o discurso social semella insistir en que non hai espazo máis que para o declive, síntome, non direi que como aos trinta, pero si animoso e forte. Entendo que a procesión vai por dentro e, por moito que co exercicio físico, a piña e o té verde intente un retrasar o implacable veredicto da bioloxía, 65 son unha chea de anos. Se penso nos tempos do Grupo Escolar José Antonio, onde deu comezo e meu sufrido periplo escolar, cunha pizarra, un pizarrín e a inefable enciclopedia Álvarez, paréceme evocar o plistoceno inferior.

Sexa como for, a prolongación do ciclo vital ten outro tipo de consecuencias demográficas ben coñecidas e amosa un panorama estraño, unha paisaxe onde cada vez hai máis vellos e menos nenos. Falando de algo que me é familiar, alguén me comentaba que nos últimos tempos os despachos profesorais das facultades semellan xeriátricos. De feito, máis do 40 % do profesorado universitario europeo sobe dos 50 anos, o cal implica, en universidades históricas como a compostelá, unha dinámica de permanentes xubilacións. Hai en todo isto unha consecuencia perversa e por demais inxusta, e non me refiro só á miña universidade senón á contorna académica en xeral. Para dar contexto voulle contar algo: un especialista a quen solicitamos informes sobre certo orixinal me suxeriu retirar do formulario de avaliación o ítem relativo á innovación, pois, dicíame, «apelando á innovación dinse moitas parvadas». Nunha sociedade, en efecto, onde todo o preexistente semella mellorable, pois se prodiga un culto obsesivo á innovación (hai ministerios, secretarías, vicerreitorías, consellarías,… consagrados á deusa Innovación), cando un profesor se xubila simplemente cruza á outra beira do Leteo, o río do esquecemento. Valorarmos en tan pouco o patrimonio dun coñecemento adquirido e compartido durante toda unha vida consagrada á docencia e a investigación resulta unha triste diagnose da universidade española.