O guión do filme, cuxa rodaxe acaba de comezar, correu a cargo de Pepe Coira e o actor lugués Xoán Fórneas dá vida ao intelectual rianxeiro
04 sep 2024 . Actualizado a las 11:00 h.A cineasta Ángeles Huerta (Xixón, 1974), xa galega tras máis de vinte anos en Galicia, recreará a formación do titán Castelao no filme Antes de nós, cuxa rodaxe comezou o pasado luns en Compostela. A autora de obras como O corpo aberto (2022) e Esquece Monelos (2017) enfrontará a súa indagación da figura do intelectual rianxeiro en dous episodios temperás pouco coñecidos da súa vida pero que resultan decisivos na súa configuración emocional.
Son dúas historias íntimas e entrelazadas. A primeira sitúase en 1918, cando Castelao deixa a súa praza de funcionario en Pontevedra para traballar como médico no seu Rianxo natal durante a pandemia da chamada gripe española. «Un heroe para o pobo pero un home ausente para a súa muller, Virxinia Pereira», explica a produtora. O outro momento leva o relato ata 1929, cando o matrimonio percorre as terras da Bretaña poucos meses despois da perda do seu único fillo, Chuchiño, á idade de 14 anos. «Son dous seres rotos e un vínculo que xa non se entende, nunha viaxe que os unirá para sempre», argúen os promotores da longametraxe. «Castelao antes de ser Castelao. Galicia antes da xeración Nós. Castelao e Virxinia antes de ser nós», inciden.
A cinta non quere ser unha biografía ao uso, senón que persegue entender como era Castelao, profundando nas súas emocións e as circunstancias históricas que deron forma á figura que hoxe todos respectan e coñecen.
Formado no teatro independente, o actor lugués Xoán Fórneas (1993) —que apareceu en series como La línea invisible e Reina roja— dá vida a Castelao nun papel para o que se falou inicialmente do compostelán Tamar Novas —que traballou coa realizadora en O corpo aberto, un filme que acadou notable éxito—. Neste drama histórico destacan outros intérpretes como Cris Iglesias (Virxinia Pereira), Nancho Novo (Sobral, o canteiro), Xoel Fernández (Cándido), Miquel Insua (Viturro), Sergio Zearreta (Cubeiro), Isabel Vallejo (Xaquina) e Adrián Ríos (Moure), entre outros.
O guión da longametraxe —que conta coa produción executiva de Zaza Ceballos— é obra de Pepe Coira, mentres que a dirección de fotografía corre a cargo de Lucía C. Pan; a dirección de arte, de Elisa Robles; a música, de Sofía Oriana; e a montaxe, de Lucía Iglesias.
A película será distribuída en salas e a súa estrea está prevista para o ano 2025.