Emerxe o legado máis visual de Manuel Álvarez Torneiro

Alejandro García Chouciño
A. G. CHOUCIÑO BETANZOS

CULTURA

A exposición da libraría Biblos amosa colaxes que fixo o poeta

03 may 2024 . Actualizado a las 20:43 h.

A libraría Biblos de Betanzos amosou onte unha nova faceta do poeta e ex xornalista de La Voz de Galicia, Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932-2019). Don da mirada, comisariada pola filóloga e crítica literaria Teresa Seara, consta de 14 colaxes que presentan a un Torneiro máis visual. «Púxenlle este título por dúas razóns. Por un lado, por ese don de poder ver nas cousas humildes repetidas algo especial, pero tamén xogando por outra banda coa eufonía de donda. Porque donda é amable, suave, delicada, que era a mirada del, sempre tamén na súa poesía», explicou Seara.

Ver a beleza do sinxelo, do humilde, do repetido. A mostra naceu tras a publicación o ano pasado de Travesía del conocimiento, un libro inédito de Torneiro en castelán ilustrado coas súas colaxes. «Ao ver ese material, Carmela González, da libraría Biblos, propúxome expoñer as que tiña e o resultado é a mostra que inauguramos hoxe [por onte]. Estas 14 pezas son miñas, son colaxes que el me foi agasallando ao longo da nosa amizade, que durou moitos anos, por aniversarios, datas sinaladas... sempre tiña un detalle e normalmente era algo feito por el», afirmou a comisaria.

No seu quinto cabodano, Torneiro é homenaxeado rodeado de compañeiros de vida e letras. «Esta outra faceta pasou desapercibida. De aí que nos fixera tanta ilusión e puxéramos tanto empeño en facer esta pequena mostra. Non é que sexa unha gran colección, pero si é unha representación que amosa a un artista diferente», sinalou Carmela.

De feito, o que foi o primeiro premio nacional de poesía cunha obra en galego (no 2013) tamén soñaba con ser un bo debuxante. «Nunca quixo expoñer, nunca se considerou un bo colaxista ou debuxante. Pero ese era o seu soño. Teríalle gustado ser un bo debuxante. El pensaba que non o era, equivocábase aí, creo eu», resaltou a filóloga.

A exposición estará aberta ao público de forma gratuíta durante todo o mes de maio. O horario é de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 de luns a venres. Os sábados o peche será as 20.00 horas. «Igual que aflora un río subterráneo, xestado na escuridade íntima da terra, queda agora ao descuberto unha nova dimensión da poliédrica personalidade creativa de Torneiro» conclúe Seara.