Memoria de Bob Dylan

La Voz VAGALUME

CULTURA

24 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

ó asistín unha vez a un concerto do que xa moitos tiñamos polo gran Bob Dylan. Foi en Villalba (Madrid) o 6 de xuño do 2006, e nunca esquecerei que el case nin nos buscou coa súa ollada. Tocou o que quixo e na orde que lle petou, sen deixar de ser nunca o grande icona que nós foramos reverenciar. Dito en breve: non nos decepcionou, pero tampouco saímos de alí amándoo moito máis. Ofreceunos unha música pola que pagaramos pero sen facernos sentir a súa desexada proximidade.

A realidade, porén, é que a vida de Dylan, nacido en Duluth (Minnesota, Estados Unidos) o 24 de maio de 1941, é dunha singularidade poética e musical incomparable. Unha lenda que marcou cando menos a toda unha xeración. No 2007 recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Artes, no 2008 o Pulitzer, e o 13 de outubro do 2016 o Nobel de Literatura «por ter creado novas formas de expresión poética». Algo que causou sorpresa pero que non lle pode discutir ninguén.

O seu verdadeiro nome é Robert Allen Zimmerman, de orixe xudeu, logo cristianizado a finais da década de 1970. Pasou á memoria colectiva baixo o nome de Bob Dylan, que rebautizou ó creador de pezas inesquecibles como Like de Rolling Stone (cualificada en 1965 como a mellor canción de rock), Mr. Tambourine Man, Blowin' in the wind, The times they are a-changin ou A hard rains a-gonna fall.

A súa carreira musical e literaria aínda continua, convertido en «xigante maior na historia da música americana», como ben proclamou o que foi presidente estadounidense Barack Obama. Porque é ben certo que o seu legado artístico segue a ser incontestable, pois aínda están moi vivas as xeracións que concelebraron con el, sobre todo na súa «xira interminable» de 1988. O mesmo Dylan ó que —vai facer dezaoito anos— eu vin tocando o órgano de pé no seu concerto de Villalba. Porque, como el mesmo ten dito, «os seres humanos somos deuses desencamiñados na busca do cemiterio dos vellos seixos rodantes». E nisto seguimos. Coa lembranza dun cantautor incomparable e imbatible. Un xigante que nunca soubo deixar de medrar. O próximo 24 de maio cumprirá 83 anos.