Vista da catedral de Chíchester.
Vista da catedral de Chíchester.

19 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai anos tiven a sorte de coñecer un anaco de Cymru, nome que recibe o País de Gales no seu idioma propio da rama céltico britónica. A verdade é que gardo un grato recordo daquela viaxe. Foramos en coche dende o sur de Inglaterra onde ofreceramos un concerto na maxestosa catedral de Chíchester. O día anterior, nese mesmo lugar, estivera tocando o icónico artista de orixe irlandés Bob Geldof dentro dun ciclo de músicas moi diversas.

Dende alí dirixímonos a Dolgellau, unha localidade duns 2.500 habitantes aproximadamente situada no Parque Nacional de Snowdonia (ou Parc Cenedlaethol Eryri, en galés). Neste parque con 1.085 metros de altura está Snowden, a montaña máis alta de Gales e a que lle dá o nome ao lugar. Dolgellau lembrábame moito aos pobos de lousa da provincia de Lugo, incluso a paisaxe da contorna era verdadeiramente semellante.

A diferenza máis significativa a primeira vista é o exquisito coidado e respecto arquitectónico e a verdade que iso xa dá para unha importante reflexión comparativa. Polo demais, alén deste detalle substancial, e se non escoitas falar, semellaría que andásemos por Galicia perfectamente. Mais aí é onde eu quedei abraiado escoitando o idioma daquela xente.

O galés é o idioma céltico máis falado. Arredor do 20 % da poboación galesa emprega habitualmente a súa lingua, o cal é unha esperanza de supervivencia importante para un idioma tan minoritario que tamén ten que resistir o forte empuxe do inglés. Naquel lugar e dentro do festival ao que iamos, chamado Sesiwn Fawr [Gran Sesión], unha alta porcentaxe da xente que alí estaba empregaba o gales e abofé que non entendiamos nin papa pero era ben fermoso sentilos falar entre eles e recoñecernos a nós mesmos nesa mesma situación de posuír unha lingua propia.

A toponimia de Gales é alucinante e a composición dalgunhas palabras nas que non había nin unha soa vogal era ben curiosa para nós. Como curiosidade comentar que moi preto dese lugar está o nome de pobo máis grande do mundo con 58 caracteres que para nós é practicamente imposible de pronunciar, mais se queredes probar aí volo deixo: Llanfairpwllgwyngyllgogerychwyrndrobwllllantysiliogogogoch.