Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática por «As alumnas»

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A escritora e actriz Paula Carballeira.
A escritora e actriz Paula Carballeira. Sandra Alonso

O xurado destacou a súa obra por ser «un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate»

01 sep 2023 . Actualizado a las 16:34 h.

As alumnas, unha obra de teatro escrita por Paula Carballeira, vén de ser distinguida este venres co Premio Nacional de Literatura Dramática. O galardón convócao o Ministerio de Cultura e Deporte e está dotado con 30.000 euros.

O xurado destacou no seu fallo que As alumnas é un «eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate». «Polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propuña a Segunda República», engade o fallo. A muller á que se refire o xurado é a pedagoga galega María Barbeito.

Paula Carballeira (Fene, 1972) ten unha longa traxectoria como escritora e actriz, con máis de dúas ducias de libros publicados, entre obras de teatro e literatura infantil e xuvenil. As alumnas, publicado por Galaxia, xa recibira o premio Follas Novas á mellor obra de teatro na súa última edición.

Con este galardón, Carballeira súmase á nómina de autores galegos distinguidos con este premio á creación de textos teatrais, Manuel Lourenzo (1997) e Rubén Ruibal (2007).