Esculturas e placas explicativas lembrarán no Carballiño o detective creado por Miguel Anxo Fernández
10 may 2023 . Actualizado a las 13:58 h.Era o ano 2002 cando o detective Frank Soutelo botaba a andar polos vieiros da literatura galega. Da man do seu creador, o crítico de cine, profesor e escritor Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955), o singular personaxe resolvía un caso de trapicheo con recordos, restos e propiedades de famosos en Un nicho para Marilyn (premio García Barros de novela). Máis de vinte anos despois, o sabuxo americano con vencellos familiares en Muros e Soutelo de Montes —de onde eran orixinarios os seus proxenitores— xa leva protagonizadas sete obras e segue a manter a forma. Na última, A conxura do sete (Galaxia, 2022), Soutelo resolve un enguedellado caso no que tiñan un papel central os anacos da espada do Apóstolo e no que os implicados percorrían toda Galicia na súa procura. A próxima aventura do personaxe de Frank Soutelo non será literaria, senón artística e cun marcado carácter turístico, literario e patrimonial. O Carballiño contará cunha ruta dedicada ao detective e aos principais personaxes que o acompañan nas súas novelas. O proxecto é unha iniciativa promovida pola empresa de deseño OZOCOgz —autora de, entre outros materiais, xogos de mesa para coñecer Galicia e o galego— e pola profesora Mariña Arbor —que é autora dun percorrido polas beiras do Miño da man dos autores da lírica medieval—, e que conta co apoio do Concello do Carballiño.
A ruta literaria de Frank Soutelo terá como valor engadido, segundo destacan os promotores, ser a única na zona que toma como base a un autor vivo. Para creala seleccionáronse os espazos da vila que aparecen nas sete novelas da saga e a presenza neles dos principais personaxes creados por Miguel Anxo Fernández —xunto a Soutelo poderase atopar en diferentes espazos públicos a Sugar Jones, Dalia Maxino (con casa na vila) e Franeiras (da Policía Local do Carballiño)—. Instalaranse siluetas a tamaño natural —1,70 e 1,80 metros— en aceiro corten perforado co nome dos personaxes e placas explicativas. Na primeira fase, terán presenza Soutelo, Franeiras e Dalia Maxino, e haberá 25 placas repartidas pola vila. A maiores, contémplase no proxecto que se está ultimando a edición dun caderno, tipo Moleskine, con parágrafos das novelas relacionados co Carballiño. Na memoria do proxecto de OZOCOgz e Mariña Arbor, aparecen identificados trinta espazos no municipio carballiñés e cinco nos concellos da comarca. Logo desta primeira iniciativa, valorarase darlle continuidade noutros lugares de Galicia nos que Frank Soutelo ten presenza de xeito continuado.
Manuel María e Pardo Bazán
A nova ruta será a terceira do Carballiño. Hai anos, creouse a de Manuel María —en colaboración coa asociación cultural Avantar—, e, no seu centenario, a de Emilia Pardo Bazán —proxecto promovido polo Centro de Estudos Chamoso Lamas—. Ambos vencellados á vila.