Anne Carson en Compostela, entre o diario íntimo e a peregrinación

Gracia NovÁS REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Anne Carson, Premio Princesa de Asturias de las Letras
Anne Carson, Premio Princesa de Asturias de las Letras

Chan da Pólvora trae ao galego o libro que recolle a experiencia romeira da gran poeta canadense: «A antropoloxía da auga»

09 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Falando de Anne Carson, hai xa algún tempo, o crítico (con inclinacións a polemizar) estadounidense Harold Bloom dicía algo así como que lle daba mágoa ser vinte anos máis vello ca ela e pensar que abandonaría este mundo sen levar consigo «a obra de toda unha vida» da singular poeta canadense. A complexidade da poética da escritora —Premio Princesa de Asturias das Letras no 2020— segue hoxe marabillando pola súa profundidade, sutileza e ambigüidade, pola forma en que xoga coa autobiografía íntima, a viaxe e a natureza, polo xeito que ten que borrar lindes entre xéneros como a narración, a poesía e o ensaio, por como nela conflúen organicamente emoción e pensamento. É tal o caso de A antropoloxía da auga, que abrollou como unha especie de homenaxe elexíaco ao pai (afectado daquela por unha demencia) e que vén de traer ao galego o selo Chan da Pólvora a cargo do tradutor lugués Jesús Castro Yáñez. O volume é unha reunión de textos heterodoxa que atopa no poder salvífico da auga un fío condutor de carácter flexible, sabedora que os homes, os seres queridos, as persoas, coma a auga, non se poden reter nas mans. Aí, anota, entra o exercicio da antropoloxía, que hoxe recomenda optar sempre polo encontro —igual que coas culturas alleas— fronte á descuberta.

Entre os materiais que compoñen a obra, está a súa peregrinación a Compostela, unha narración cuxa estrutura —apunta Castro Yáñez nun breve pero substancioso posfacio— amosa certo parentesco co que a literatura xaponesa reserva para esta dimensión do desprazamento, en que diarios de viaxe e poesía aparecen como xéneros indisociables: «O haibun, composición que combina o haiku e a prosa, escríbese para relatar viaxes facendo uso da autobiografía e o ensaio». Este vínculo excede en moito as citas que a poeta utiliza de versos de autores como Matsuo Basho, Izumi Shikibu, Socho, Tanizaki, Iio Sogi, Masaoka Shiki e Mizuta Masahide (e tamén Machado), entre outros.

No seu discurso de agradecemento do Princesa de Asturias, Carson lembrou que foi en 1983 cando percorreu o camiño xacobeo dende Saint Jean Pied de Port ata Santiago, e que prolongou na súa variante fisterrá. Pero é que a escritora ofrece poucas pistas no seu texto —nin calendario nin nomes de persoas; ao home que a acompaña chámalle Mio Cid— e mesmo deforma a realidade, xoga incluso coa invención, a mentira e a ocultación, semella que o mapa e o dato certo non cotizan á alza e dá igual se chega de León a Arzúa nunha soa xornada e se a seguinte parada na ruta non é O Pino... senón ¡Órbigo! Os feitos non son o que parecen, non teñen relevancia —o que verdadeiramente importa é a intensidade do seu eco poético—. O lector sospeita que ela quixera ser en certas pasaxes unha mera turista americana que, algo despreocupada, pescuda sen moito rigor, sen atopar. Quizais porque as preguntas que enfronta o romeiro non achan resposta. Así, subliña o editor, Carson «peregrina a paisaxe galega e a americana, os recunchos da familia e do espírito, a incomodidade do desexo ou a ansia de penitencia. E na caixa negra dese transitar queda rexistrado un mapa das súas relacións co xénero masculino, que se revela con máis elipses que liñas ou palabras que preferirían ser simplemente o impulso nervioso que convocan. É posible a iluminación mística sen que o fulgor da busca te acabe cegando?».