Adiós a Moncho Rodríguez, impulsor do teatro moderno en Galicia e figura clave na escena de Portugal

CULTURA

Rodríguez, nunha imaxe tomada hai anos nunha visita a Guimarães.
Rodríguez, nunha imaxe tomada hai anos nunha visita a Guimarães. Henrique Miranda

O director de escena comezou na viguesa Sala Carral e impulsou numerosos proxectos culturais

20 feb 2023 . Actualizado a las 19:07 h.

A medida que pasan as perdas no teatro galego, aséntase en nós o convencemento de que si hai seres imprescindíbeis. Non é certo que ninguén sexa insubstituíbel, especialmente cando unha simple ollada ao pasado amosa a excepcionalidade de dúas décadas, a dos setenta e os oitenta, en que todo foi construído para que hoxe aínda exista. Nese contexto é onde se sitúa a figura de Moncho Paz, finado o pasado sábado 28 de xaneiro en Salvador de Baía (Brasil), o derradeiro destino dun teatreiro inquieto en permanente procura desde a emerxencia do teatro independente galego ata a actualidade.

Nacido en Vigo en 1950, pasou a súa infancia e mocidade coa súa familia no Brasil, de onde regresa en 1975. O seu nome é indisociábel dunha entidade fundamental —malia non sempre recoñecida— no vínculo entre o nacente teatro galego e o teatro independente de oposición ao franquismo: o Círculo Ourensán-Vigués, cuxa agrupación teatral se converteu nunha verdadeira impulsora da renovación escénica e da contestación artística na cidade de Vigo, capaz de irradiar ese activismo ao resto de Galicia. Alí asina Moncho Rodríguez os seus primeiros espectáculos como director ao cargo do Teatro Popular Galego de Maximino Queizán, acubillo de quen fundarían logo a compañía Artello. Nesta plataforma realizará Rodríguez espectáculos tan célebres como audaces e valentes para a época, coma Pícnic, de Arrabal, e Tarará Chis Pum. Na súa estrea na Mostra Abrente de Ribadavia no 79 e no 80, respectivamente, foron dúas pezas memorábeis.

Naquel tempo en que non había Centro Dramático, nin Escola Superior de Arte Dramática, nin Agadic, senón só unha manchea de compañías formadas por novísimos artistas que procuraban o público con tanto interese coma un discurso verdadeiramente moderno para o nacente teatro profesional, era unha prioridade atopar espazos que desen estabilidade a aquelas primeiras compañías. Nese senso, Moncho Paz soubo facerse, non sen certa dose de habelencia, coa sede da OJE (Organización Juvenil Española) na viguesa rúa Carral, que axiña se converteu na Sala Carral, onde non só Artello tería a oportunidade de botar adiante o seu traballo, senón que tamén se converteu nun foco de actividade cultural por onde pasaron compañías independentes tanto galegas coma portuguesas, así coma a canción protesta galega, alén de desenvolver un obradoiro de investigación teatral.

A Sala Carral pecha as súas portas en 1979, e nese momento Moncho Paz deixa Artello para axiña integrarse na compañía coruñesa Luís Seoane, que fundara Manuel Lourenzo canda Xosé Manuel Rabón e Miguel Pernas. Alí participa como músico (Dansen, de Brecht), e como director nunha peza de Plínio Marcos titulada Dous perdidos nunha noite suxa, que foi moi aplaudida no momento, e que levou a compañía a ter un interesante contacto con Portugal. O paso seguinte, na mesma necesidade de estabilidade que caracterizara a experiencia de Artello, foi contar cun espazo: a sala Luís Seoane, aberta o 26 de agosto de 1981 e que manterá unha programación estábel ata o final da década dos oitenta.

Mais Moncho Rodríguez non permanecerá alí. Pouco despois de integrarse na compañía Luís Seoane, marchará a Portugal, onde desenvolverá boa parte da súa carreira teatral. Foi director artístico do Teatro Universitário do Porto (1978-1981); fundador da compañía Os Comediantes (1983); promotor do Teatro Oficina de Guimarães, e o seu primeiro director artístico (1994-2000); creador do Centro de Criatividade Póvoa de Lanhoso (2006-2012); e impulsor, coordinador e director artístico da plataforma Fafe Cidade das Artes (2013). Entre os anos 2000 e 2004 creou o Projeto de Integração de Atores do Nordeste no Brasil, onde, finalmente, se instalou e desde onde continuou cun labor de xestión teatral que o levaría a manter vivo o activismo do teatro na Lusofonía, entendendo Galicia como parte do mesmo universo.