Xosé Antón Cascudo: «Non estamos tan lonxe do modelo da serie "Mad Men" como cremos»

Javier Becerra
Javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xosé Antonio Cascudo
Xosé Antonio Cascudo PACO RODRÍGUEZ

Acaba de gañar o premio Ramón Piñeiro de ensaio cunha análise da serie americana desde a perspectiva da pensadora feminista Betty Friedan

27 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Tomando A mística da feminidade —un clásico do pensamento feminista publicado en 1963 por Betty Friedan— para contemplar a serie Mad Men, Xosé Antón Cascudo Rodríguez (Guitiriz, 1976) escribiu A mística da feminidade en Mad Men. Trátase dun ensaio co que logrou o premio Ramón Piñeiro 2022, dotado con 3.000 euros de premio e a publicación do libro, e que publicará o ano que vén Galaxia.

—Que é a mística da feminidade e onde aparece na serie «Mad Men»?

—É unha muller que ten estudos e que desenvolveu unha carreira profesional, pero casa e vai para o fogar. Alí está presa nunha gaiola de ouro porque ten todos os elementos que supostamente necesita para ser feliz: os mellores electrodomésticos, fillos e un home que gaña moito diñeiro. Esa é a persoa que representa a mística da feminidade. Nese sentido, Betty Draper, a esposa de Don Draper, é o exemplo perfecto. Analizo as súas depresións, a insatisfacción vital ou os celos que ten nunha veciña súa solitaria, envexando en silencio a súa liberdade.

—A personaxe feminina máis icónica de «Mad Men» é Joan Holloway, interpretada por Christina Hendricks. Como a analiza vostede?

—Debátese entre a mística da feminidade e o que se podería chamar a muller de carreira, que é outro dos prototipos de Betty Friedan. Fun collendo escenas concretas e, sobre todo, unha actitude xeral que, transformándose, vai dando lugar a un personaxe moi complexo. No sentido contrario á mística da feminidade encóntrase Peggy Olson, unha moza que estudou para secretaria e evoluciona ata converterse nunha brillante publicista, chegando a ser xefa.

—No ano 2022 estamos lonxe desa mística da feminidade de Betty Drapper?

—Creo que afortunadamente estamos lonxe do modelo da serie Mad Men, pero tampouco estamos tan lonxe como cremos. Seguen existindo elementos que poden xustificar a miña resposta. Cada vez hai máis mulleres que acceden a postos de importancia, pero o teito de cristal aínda segue moi presente. En España non houbo ningunha presidenta do Goberno. En Francia ou Estados Unidos, tampouco. Creo que son exemplos claros de que seguimos perpetuando esas diferenzas. Ademais, continúan existindo sacrificios moi similares aos que existían hai 50 ou 60 anos. O máis obvio é a conciliación: a renuncia a unha carreira profesional por ser nai.

—A serie recolle unha era na que o home branco heterosexual era o rei da cidade. Pero que xa empezaba a divisar o que viría no futuro.

—Unha das fortalezas da ficción televisiva actual é que se pode escribir ata 70 horas de relato e desenvolver as tramas e os personaxes ata o infinito. Neste caso si que se pode ver moi ben ese proceso de demolición que ocorre nos anos sesenta e setenta, coa chegada doutras ideoloxías. Chega o hippismo, os movementos contraculturais e iso é un ataque directo. Os personaxes da axencia manteñen unha loita directa para que eses ataques non lles afecten. Eles queren cambiar pequenas cousas para que non cambie nada. Por exemplo, meten algunha xente negra para non parecer antigos, pero o que desexan é que todo siga funcionando igual. Sempre hai elementos turbadores desa hexemonía e, case sempre, son as personaxes femininas. Iso é o que peor poden levar este tipo de homes.

—Curiosamente, «Mad Men» xerou no seu día unha certa nostalxia do non vivido, idealizando un momento que para moita xente era crítico.

—Si, a ollos dos triunfadores sempre está ben, pero as desigualdades eran tremendas. Só a nivel racial, que unha persoa negra non puidese coller un autobús ou na función que tiña nos traballos, xa se ve claramente.