Andrea Pousa, cantante: «Só ás veces a música é capaz de deter unha vida que é fugaz»

CULTURA

.

A artista de Tomiño atópase en Miami facendo promoción de «Cual fantasma», unha balada romántica que elixiu como novo sinxelo

05 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Andrea Pousa (Tomiño, 1989) é unha artista que desenvolveu a súa música cun pé en Galicia e outro en Portugal. Pero, ademais diso, os seus ollos miran a América. É alí precisamente onde se atopa agora, promocionando o seu novo sinxelo Cual fantasma.

—Que tal está sendo a experiencia en Miami?

—Moi boa. Cual fantasma foi estreado no programa TN3 do canle Americatevé. Estiven por primeira vez en Miami no 2022, nun evento organizado por galegos que residen en EE.UU. Tiven a ocasión de coincidir con diferentes produtores e compositores de alí. Foi onde me coñeceu Alejandro Jaén, compositor de Marc Anthony ou Son by Four. Díxome que quería seguir a miña carreira de cerca e, unhas semanas máis tarde, convidoume a facer un traballo musical con el. Ese é outro motivo polo que tamén me atopo aquí.

—Que relación ten con América?

—A miña relación con América comeza no 2014 en Arxentina, cando tiven o privilexio de actuar na praza de Maio na apertura do Buenos Aires celebra Galicia. Foi un acto moi emotivo, que lembro con moita nostalxia representando a nosa terra. Posteriormente, foi México. Un gran descubrimento, un amor a primeira vista con este país, sendo as televisións nacionais mexicanas grandes interesadas polo meu último traballo discográfico.

—O sinxelo titúlase «Cual fantasma», unha balada romántica. Que a inspirou?

—É unha canción inspirada na historia dunha moza que non é capaz de esquecer un encontro dunha noite moi profundo e intenso. E mentres o recordo se perde, ela continúa estancada, detida nese momento, coa esperanza de que el volva de novo.

A canción foi feita e gravada en Galicia, composta polo produtor musical e músico Xabier Vaz. Eu dinlle presenza a melodía e o escritor Roque Cameselle foi quen a escribiu. Estamos vivindo unha vida na que todo vai moi rápido, o tempo non para… Só ás veces a música é capaz de deter unha vida que é fugaz.

—Neste tema opta polo castelán, aínda que unha parte da súa obra tamén é en galego.Cada vez é máis frecuente esa dualidade, aínda que no seu caso vén de lonxe. Que lle leva a mesturar idiomas?

—A dualidade no meu traballo sempre estivo presente. De feito, tamén inclúo o portugués, outra lingua que considero moi presente nas miñas raíces. Do mesmo modo, nos meus dous discos, Respirar e Retorno, están presentes os tres idiomas. Uso a lingua para conectar do mellor xeito que me nace e, de momento, estas tres linguas son coas que me conecto con toda a naturalidade. Na canción Retorno, por exemplo, falo das miñas raíces e a canto en portugués. O castelán tamén é parte da miña esencia. Polo que, de momento, seguirei compoñendo e cantando nos tres idiomas.

—Nese sentido participou na iniciativa superheroínas de promoción do galego. Que tal foi a experiencia?

—Unha iniciativa orixinal achegada ao público máis novo. Concordei dende que me convidaron. O galego para min é algo natural, a miña primeira lingua e tamén unha forma de conectar coas miñas raíces máis sinceras. Abriume tamén a posibilidade de conectarme aínda máis con países lusófonos: Portugal, Angola, Cabo Verde ou Brasil… Isto foi grazas ao galego! As linguas están para usalas e ao galego temos que darlle pulo e forza para que non se perda nas xeracións vindeiras. Este tipo de proxectos están moi ben enfocados. Un apunte: cando viaxei por primeira vez a América dicíanme que lles gustaba escoitarme falar ou cantar en galego, que era o idioma dos seus avós. Por outro lado, tamén se dicía que o galego só se fala nos pobos ou só o fala a xente maior, iso é o que non pode ser. A lingua necesita unha renovación constante.