Margarita Viso Soto, de VISO Editorial: «Todos saben ao rematar a ESO quen foi Martín Codax, e Pascual Veiga?»

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

A editorial dedicada a publicar partituras de autores galegos cumpre 25 anos

02 dic 2022 . Actualizado a las 07:26 h.

«Hai un montón delas. Negra Sombra, Os teus ollos, Unha noite na eira do trigo, Meus amores, Un adiós a Mariquiña...», fai unha conta rápida Margarita Viso Soto ( A Coruña, 1957). De seguro que, ao ler estes títulos, a máis dun lle veñen á cabeza as melodías. «Coñéceas todo o mundo, pero, ademais do autor do texto lírico, Curros, Pondal ou Rosalía, teñen un autor musical», destaca esta intérprete, compositora e musicóloga. Porque, mesmo as pezas máis populares como a Rianxeira teñen autoría.

Que as obras de figuras esenciais da nosa cultura como Marcial del Adalid, Xoán Montes ou Chané se recuperasen para os repertorios musicais é, en gran medida, mérito seu. A editorial que fundou para dar a coñecer as partituras dos compositores galegos, Viso Editorial, cumpre 25 anos. Para celebralo, este venres hai un concerto no Círculo de Artesáns da Coruña ás 20.00 horas.

-Somos uns analfabetos musicalmente, no que respecta aos compositores galegos?

-Ten que chegar o día no que, ao igual que se estudan aos devanceiros na lingua, Pondal, Rosalía, Curros... Habería que aspirar a que a xente soubese quen foi Xoán Montes, Marcial del Adalid, Xosé Baldomir, Prudencio Piñeiro, Canuto Berea... Cando se estuda a nosa historia, non están contemplados dentro da cultura e da arte que hai que coñecer nun nivel primario, elemental. Todo o mundo, cando remata os seus estudios da ESO, sabe quen foi Martín Codax, e Pascual Veiga? Foi un autor importantísimo.

-O do himno galego.

-Ou o da famosa Alborada gallega. Son músicas impresas no noso ADN, xa forman parte da nosa personalidade, pero non temos racionalizado a un nivel consciente que iso é patrimonio. Dalgunha maneira, plasman a nosa historia artística, como o Pórtico da Gloria o a torre de Hércules.

-Corren o risco de desaparecer moitas partituras?

-As cousas que están nos arquivos non corren risco de perderse, pero hai que ir ata alí, ter a curiosidade, investigar, facerse cunha copia. Isto é un traballo de musicólogo, máis que de intérprete, que é quen vai dar a coñecer a música ao público. É como se Don Quijote estivese gardado no estante dun arquivo e fosen catro investigadores eruditos a investigalo e o libro, tal cual, non estivese dispoñible para os lectores nunha librería. Moitas partituras do noso patrimonio musical están inaccesibles ou son moi malas de atopar. En moitas ocasións, son copias, manuscritos, edicións de hai século e medio. Coa editorial o que procuramos e facilitarlle aos intérpretes un texto musical fidedigno e documentado. Unha edición responsable.

-Un labor de rescate?

-Nin labor heroica nin rescatadora. Puxen un gran de area, penso que contribuín dalgunha maneira a visibilizar algo esta música nosa, pero queda moito por facer. Non temos forzas para redimir o pasado musical de Galicia pola nosa única conta, hai para varias vidas de investigadores. Hai que incluír aos nosos autores nos repertorios habituais. Hai distinguidos estudosos traballando nisto, como a Irmandade da Música Galega. O que máis traballo é o romanticismo, a música civil e a de cámara, hai outro mundo que son os mestres de capela e os arquivos de catedrais.

-Por onde comezar a investigar?

-A nivel galego, o Museo de Pontevedra. Aí hai montes e moreas. Ten unha explicación, comezou por Perfecto Feijoo, o boticario que fundou o primeiro coro galego, Aires da Terra. Na Coruña, a zona que máis coñezo, hai importantes fondos musicais no Arquivo da Real Academia Galega ou na Biblioteca da Deputación.