O teixidal

CULTURA

04 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 2003 o director de cine galego Ignacio Vilar, orixinario de Petín, dirixiu Un bosque de música, unha longametraxe documental sobre Luar Na Lubre. As localizacións escollidas foron varias, entre as que destacaban fundamentalmente as terras valdeorresas, A Coruña e Lisboa. O comezo da película sitúase no teixidal de Casaio en Pena Trevinca (Carballeda de Valdeorras); territorio aínda galego pero xa nos lindeiros coas provincias de León e Zamora. Aínda que sabía da existencia deste teixidal nunca estivera alí, coñecía algunha fotografía pero nunca vira imaxes cinematográficas feitas no seu interior.

A longametraxe de Vilar comeza cun amencer en Pena Trevinca. Pouco a pouco, e a medida que avanza a luz, as cámaras vanse mergullando no medio do bosque. Van ata o nacemento dun río que medra paseniño. A medida que avanza a súa auga atravesa os canóns do Sil e continúa ata desembocar en Lisboa. O do río era unha simulación ficticia que tiña que ver coa liña argumental da película mais o verdadeiramente abraiante era ver eses teixos centenarios e a sensación de estar dentro dunha auténtica lubre.

E sagrado debería ser con todo o que iso significa xa que é o único bosque salientábel deste tipo de especies que queda en territorio galego e un dos máis importantes do sur de Europa con máis de catrocentos exemplares contabilizados. Pese a ser o teixo a árbore predominante no teixidal de Casaio, atopamos outras especies coma carballos, freixos, abeleiras ou capudres entre outros…

Considero estes lugares como xenuínas catedrais da natureza, espazos únicos que resistiron o paso do tempo, capaces de se manter no seu transcurso e que afortunadamente tiveron moi pouca ou ningunha intervención humana que os modificase. Os teixos son unha das árbores máis lonxevas que existen e algúns exemplares son milenarios. Son extremadamente velenosos. As súas follas, sementes ou cortiza son moi tóxicas, tanto que na literatura clásica o seu emprego aparecía como un método común de suicidio en Europa. Con todo, é tamén árbore medicinal con grandes propiedades curativas, empregada para enfermidades importantes, e dende logo patrimonio a preservar.