Foi en torno ao ano 2000 cando un grupo de mozas e mozos se me presentaron na Cova Folk contándome o moito que lles gustaba a música que faciamos en Luar Na Lubre. Explicáronme que eran dunha pequena vila da provincia de Cáceres chamada Carbajo. Chegaran facendo o Camiño de Santiago e tiñan a intención de irmandar o seu concello co de Carballo. Era un grupo moi entusiasta. Víaselles moi ilusionados e emocionados de estar en Galicia para coñecer a nosa cultura in situ.

Dicíanme que tiñan algo de galegos e incluso argumentaban que no día da súa patroa, que era a Santa Mariña, a santa mártir galega, cantaban un himno que comezaba así: «Ven, Mariña de Galicia, esposa del rey eterno, a recibir la corona, inmarcesible del cielo...». Quedei abraiado pola emoción que transmitían estes visitantes dunha localidade de apenas douscentos veciños.

Algún deles xa quería aprender a tocar a gaita, falaban da idea de organizar un festival de música celta na súa vila, e tamén que lles cadraría moi ben nunha das súas festas grandes chamada coincidentemente Magusto. Naquel mesmo encontro de longa conversa faleilles dalgúns festivais galegos como o de Carballeira de Zas no que tocabamos aquel ano e onde de novo volvemos coincidir. Pouco tempo despois chegoume o convite para acudir ao primeiro Magusto Folk Celta de Carbajo. Os mozos que se me presentaran aqueles días do verán acabaron facendo realidade un dos seus soños.

Neste 2022 van celebrar a 18.ª edición e xa é un dos encontros máis consolidados e importantes de música folk do Estado. Por el pasaron grupos de gran nivel como Gwendal, Hevia, Celtas Cortos, Wolfstone ou nós mesmos, entre moitos. Ao mesmo tempo, aquel grupo de carbajentos e carbajentas non fallaba a ningún dos nosos concertos que estivesen nun radio duns trescentos quilómetros da súa vila e sempre desfrutando coma se fose o primeiro día. Na actualidade as vidas mudaron, mais aí seguen co seu festival e aí seguimos estando en contacto e mantendo unha longa relación que nos deu tan bos momentos. Unha desas lembranzas memorables foi cando alugaron un bus e viñeron máis de cincuenta persoas dende Carbajo ao noso concerto de Ao vivo no Teatro Colón da Coruña. Un concerto gravado en directo no que eles deixaron unha fermosa pegada coa súa participación e entrega.