Nun inciso do debate, Armando Requeixo deixou o seu gran de area ao definir a Luz Pozo como «a poeta total», mentres que Claudio Rodríguez Fer, escritor e hispanista, abordou a análise sobre a busca da liberdade persoal e creativa da homenaxeada «con todos os avatares da súa existencia, compromisos, amores, maternidade, crises, dores e amizades». Centrouse moi especialmente na figura do tamén escritor Eduardo Moreiras, con moitos poemas inspirados na súa relación de amor que cos anos foi collendo transcendencia pública ata chegar á recoñecida paternidade dunha das súas fillas.
Olivia Rodríguez tamén profundou nas súas achegas sobre Luz Pozo na estreita relación entre a vida e a obra desta poeta que co paso do tempo e o coñecemento da súa traxectoria vital deixou «anécdotas que deveñen símbolos nas mans da súa poesía». Tamén incidiu Rodríguez na «acusada personalidade feminista» de Pozo e confirmou que na mostra que vertebra os actos do centenario encaixa especialmente unha fotografía con Eduardo Moreiras tomada pola filla de ambos. A mesa redonda permitiu tamén coñecer por boca de seu fillo Gonzalo Vázquez como a súa nai foi quen de vivir sendo filla dunha familia represaliada pero casada cun home do réxime de gran «bondade».