FDG: a súa misa en galego

CULTURA

06 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Florencio Delgado Gurriarán, como seus pais —e como case todo o mundo daquela— era católico: un católico nin moi devoto nin moi gardador das normas eclesiásticas. Agora ben, o seu credo relixioso era o do catolicismo, que profesaba convencido, con sinceridade. De aí que algúns poemas seus posteriores a 1936, moi duros contra a Igrexa católica de Franco, cómpre interpretalos como a resposta dun crente a quen lle doía que o catolicismo franquista fose tan pouco cristián. Tal incoherencia mancábao, como lle acontecía, nos mesmos anos, a Castelao e outros escritores.

Que pensaba o Delgado Gurriarán comprometido coa causa da lingua galega da relación secular entre a Igrexa oficial e o idioma galego? Hai indicios na súa obra de que pensaba o que a Sociolingüística moderna ditaminou hai algún tempo: que a Igrexa foi unha institución moi determinante para que a sociedade galega infravalorase a súa propia lingua, para que a entendese como lingua B. E hai textos no noso escritor nos que alenta ao sacerdocio do Concilio Vaticano II a que rectifique.

Un destes sacerdotes era o padre Xaime Seixas (1915-1994), un xesuíta decote á beira das xentes populares de Galicia e do seu idioma, dito sexa con palabras non moi alleas ás súas. El foi quen oficiou a primeira misa en lingua galega, ofrendada a Rosalía de Castro, en Santiago, o 25 de xullo de 1965, e el protagonizou os primeiros oficios relixiosos no Vigo de 1968.

A unha desas misas asistiu Florencio Delgado Gurriarán na compaña de Francisco Fernández del Riego no verán dese ano (era a primeira vez que visitaba Galicia despois de 32 anos de exilio). Conta Del Riego, cronista do acto, que Delgado Gurriarán, de 65 anos, botouse a chorar cando oíu as palabras do padre Seixas, non só ditas en galego, senón «exaltando a Galicia». Tamén conta Del Riego que, á saída do templo, o poeta exiliado deulle unha fortísima aperta ao padre Seixas mentres lle dicía: «Isto é unha cousa que nunca puiden imaxinar que sucedese, e para min foi unha impresión que non esquecerei nunca». Foi un dos acontecementos máis conmoventes da súa vida e, como galeguista, moi esperanzador.