26 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días, por curiosidade, déuseme por mirar a orixe dos meus apelidos. O primeiro deles é Romero, un dos máis comúns do mundo hispano; e o segundo Copo, que non é tan coñecido por estes lares. Os apelidos son as partes do nome dunha persoa coa que se definen dalgún xeito as súas raíces e procedencia. Na nosa cultura empregamos os dous apelidos, xeralmente o primeiro é por parte do pai e o segundo por parte da nai, aínda que isto na actualidade pode modificarse á inversa se se desexa.

O caso é que hai informacións e buscadores ben interesantes ao respecto e achei que o apelido Romero, segundo din algúns importantes tratadistas, xurdiría en Galicia e dende aquí estenderíase a diferentes rexións da Península e ao mundo. Mais sendo esta unha das teses máis aceptadas e referendadas, hai outras que van por diferentes camiños, citando a súa orixe noutros lugares, pero ese xa é un debate para estudosos do tema.

Á hora de clasificar o apelido Romero, acostuma integrarse dentro dos chamados apelidos ocupacionais que segundo din está asociado ás peregrinaxes, mais tamén podería estar relacionado coa tan popular e aromática planta.

Con respecto ao meu segundo apelido, Copo, en toda a Península hai menos de 200, concentrándose a maioría na provincia de Ourense e en particular nas Terras de Maceda, alén doutros poucos en Madrid ou Barcelona, probablemente galegos emigrados. O meu avó falaba nas súas conversas de que un antepasado del viñera dende Italia pero nunca se lle deu moita importancia a aquel dato que incluso cheguei a escoitarllo persoalmente.

Hai anos, vendo o marabillosa filme Novecento de Bertolucci, rodado en varias localizacións da rexión italiana de Emilia Romagna, nunha das escenas escoitei como nomeaban unha muller co apelido Copo, e de novo lembrei as palabras do avó Bieito. A cousa quedou aí, pero a curiosidade fíxome atopar un buscador de apelidos italianos e descubrín que Copo, pero con dous p, é moi común no norte de Italia e particularmente no Piamonte, o que me fixo pensar que algún antepasado meu viñera dende esas terras que casualmente teñen particularidades comúns coas nosas. O saber nunca ocupa, así que animádevos a investigar os vosos apelidos, sempre se pode aprender algo novo.