Detalle del dispositivo solidario de acogida ante la llegada de refugiados ucranianos a la localidad polaca de Medyka, cerca de la frontera.
Detalle del dispositivo solidario de acogida ante la llegada de refugiados ucranianos a la localidad polaca de Medyka, cerca de la frontera. Darek Delmanowicz | Efe

15 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Conmocionado pola guerra en Ucraína e todas as consecuencias desastrosas ao que leva unha confrontación destas características, aínda me costa concibir que a estas alturas do século XXI non fósemos capaces de aprender nada. De novo un conflito armado de dramáticas proporcións, neste caso en territorio europeo e a moi pouca distancia de onde vivimos. É terrible recoñecer que os seres humanos somos capaces de tropezar na mesma pedra constantemente e semella que non hai maneira de facer as cousas doutro modo ata que os traumas son ben grandes. O peor é que estes conflitos sábese como comezan pero non é doado acertar cal ou como vai ser o seu remate. Así, mentres cada bando ten a súa narrativa e argumenta as súas razóns, a poboación civil sofre e morre como sempre sucedeu ao longo da historia. Mais a miña intención non é escribir sobre esta nefasta guerra que sacude o corazón de Europa, e tamén os nosos, porque diso xa hai quen escriba e fale abondo con múltiples perspectivas e argumentos. Eu quero escribir sobre os outros galegos deste noso continente que están actualmente nun territorio dividido entre Polonia e Ucraína que no seu tempo foi Reino de seu: O Reino de Galicia ou Galitzia. O certo é que non temos moitas cousas en común, alén de vivir no mesmo continente, ter o mesmo nome e ser pobos emigrantes.

Nós vivimos nunha periferia que dalgún xeito nos mantivo nunha situación de relativa calma mentres que eles estiveron permanentemente convulsionados por estar nun lugar de confluencia xeoestratéxica na que en moitas ocasións se resolveron os conflitos de veciñanza a base de tensións e guerras. É por iso que esta Galicia está dividida étnica e territorialmente con todo o que iso significa. Estiveron no punto de partida tanto da Gran Guerra coa coñecida Batalla de Galitzia como na Segunda Guerra Mundial, cando foi ocupada polo Terceiro Reich. Tras a desfeita nazi, esta Galicia foi repartida por criterios étnicos entre Polonia e a URSS; ao colapsar esta última, no ano 1991, quedou sendo parte do territorio ucraíno. Hoxe en día esa Galitzia ucraína está no foco dunha nova guerra difícil de concibir e os seus irmáns polacos recibindo o éxodo dunha boa parte das xentes inocentes que foxen do horror.