Eurovisión

CULTURA

Tanxugueiras, nunha imaxe de presentación do Benidorm Fest.
Tanxugueiras, nunha imaxe de presentación do Benidorm Fest. Joaquín Reina | Europa Press

01 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Fun, fun, fun e peteiche na porta non me quixeches abrir, e ao pasar pola ruada fixéchesme chisquirrischís». Así di a letra dunha coñecida copla da tradición musical galega que se pode interpretar de múltiples xeitos e tamén aplicar a moi diversas situacións. Estes días pasados e trazando un ritual que non seguín moi de preto, elixiuse a opción que representará a España no festival de Eurovisión. Particularmente, hai moitos anos que este evento non me interesa en absoluto pero, coa miña perspectiva de músico e dende o estilo no que traballo, souben que por aí pasaron artistas moi afíns ao meu xeito de facer e de entender a música, como os irlandeses Dervish, o guitarrista bretón Dan Ar Bras, no seu momento integrante da banda do mítico Alan Stivell, ou os belgas Urban Trad cuxa voz era a galega Verónica Codesal.

Tamén en Irlanda, en 1994, ano no que este país era anfitrión, púñase en escena por primeira vez o que sería o mundialmente exitoso espectáculo de música e danza Riverdance, con Bill Whelan como compositor e co bailarín Michael Flatley como un dos seus protagonistas principais. Incluso a nós tamén nos tentaron no 2017 e decidimos non participar porque como xa dixen, por diferentes motivos, o asunto non é do meu/noso agrado.

Neste ano 2022 postuláronse as Tanxugueiras, e cacho foliada que se montou! Tema principal de moitas conversas e o euroevento que semellaba moribundo resucitou cunha forza inusitada. Creo que o feito de que estas rapazas se presentaran cantando en galego cunha canción baseada na nosa música tradicional, cun argumento como o que expuxeron e co apoio popular que tiveron, fixo tremer os cimentos deste festival na súa versión española. Non entro no polémico resultado de tal cousa, que, por desgraza, non me estrañou. Tampouco vou entrar nas hiperreaccións posteriores; mais volvendo á estrofa do comezo conclúo que as Tanxugueiras petaron na porta e o xurado do festival non llela quixo abrir, pero despois de pasar pola ruada unha marea de voto popular fíxolles «chisquirrischís». O admirado Zeca Afonso dicía que o pobo é quen máis ordena e nese sentido xa gañaron.

Moita sorte na nova andaina, a gozar da música, e sempre mellor é compartir que competir.