Galiceños

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

MARTINA MISER

16 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os cabalos sempre me pareceron animais fascinantes e Galicia dende tempo inmemorial, é terra de cabalos. Así temos testemuña a través da cantidade de representacións por todo o noso territorio; dende os petróglifos prehistóricos, ate outras formas artísticas que ao longo do tempo, indican que estes animais tiveron unha presenza importante. Nalgúns textos clásicos como os escritos por Estrabón ou Plinio entre outros, saliéntase ao cabalo galego como un animal de características especiais por forza, porte e docilidade; incluso dicían deles que eran rápidos coma o vento. E aí continúan hoxe nos nosos montes cumprindo a súa función de limpa, adaptados ao medio nos queiroais atlánticos e interactuando cos humanos. Hoxe aínda segue ben viva a ancestral tradición da rapa da bestas, antropoloxicamente tan interesante e que en moitos puntos de Galicia mantén esa esencia e o mesmo sentido e utilidade de antano. O caso é que hai uns días e por curiosidade, escudriñando sobre o suposto cabalo galego do rei normando de Inglaterra Guillerme I o Conquistador saíronme gran cantidade de referencias aos cabalos deste noroeste noso por moi distintas fontes. Chamáronme a atención algúns dos textos relacionados con toda esta temática, todos eles moi diferentes e interesantes. Mais de todo o que fun recompilando quedeime en particular cunha información especialmente curiosa, polo menos para min, que era a que falaba sobre o denominado cabalo Galiceño, din que levado a México polos conquistadores españois. O galiceño, segundo os estudosos, é unha raza de cabalos procedentes de Galicia, de aí o seu nome, e descendentes dos míticos garranos dos nosos montes atlánticos. É un cabalo que polas súas características adaptouse perfectamente e serviu aos colonos para os seus traballos. Moitos deles escaparon e fixéronse salvaxes e outros foron roubados polos nativos que tamén o empregaron chegando a ser decisivo na ascendencia do chamado cabalo indio americano. Na actualidade a poboación destes cabalos é baixa e está concentrada nas areas norteamericanas que noutrora pertenceron a México, mais grazas ao esforzo de diferentes asociacións locais e ao seu bo traballo, parece que afortunadamente os galiceños galaicos xa non corren perigo de desaparición.