Ramón Nicolás: «Segue a ser moi preciso visibilizar a nosa creación literaria»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O crítico e profesor Ramón Nicolás.
O crítico e profesor Ramón Nicolás. Ángel Manso

Colaborador de La Voz, o novo académico correspondente da RAG tamén desenvolve un intenso labor como investigador

05 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega vén de incorporar á institución a Gonzalo Navaza como membro de número e a Celia Pereira Porto e Ramón Nicolás Rodríguez como académicos correspondentes. Ramón Nicolás (Vigo, 1966) é profesor e un atento observador da literatura galega, tanto na perspectiva histórica, con destacados traballos sobre autores como Celso Emilio Ferreiro, como a contemporánea: desenvolve un intenso labor crítico nas páxinas de La Voz e na súa bitácora, Caderno da Crítica.

—Cal será a súa contribución como académico correspondente?

—Entendo que a propia entidade suxerirá camiños de investigación ou pescuda polos que poida transitar. Polo de agora, con franqueza, só tiven ocasión de agradecer o nomeamento, tanto ás persoas que a día de hoxe integran a Academia como a outras moitas que me manifestaron por moitas vías a súa satisfacción por esta decisión e, por extensión, o seu afecto. Algo que particularmente valoro moito no ronsel dese «pouso dos afectos» do que falaba Xela Arias.

—Cre que o seu labor crítico influíu na decisión da Academia?

—Sospeito que si: talvez o meu traballo no ámbito da crítica literaria, desenvolto con maior ou peor fortuna desde esa data, pesou no nomeamento e tentarei que este perfil teña, na medida das miñas posibilidades, un defensor activo na institución. Sempre defendín a necesidade de promocionar a crítica literaria en todos os ámbitos posibles e fíxeno, fágoo hoxe, a custa doutras opcións creativas persoais. Segue a ser preciso, moi preciso, visibilizar a nosa creación literaria: un territorio que cómpre seguir agarimando e construíndo con xenerosidade.

—A súa sinatura está presente en La Voz dende hai anos, un periódico xeneralista que chega a todo tipo de público: como enfoca entón as súas críticas?

—Para min gozar desta atalaia desde hai moitos anos supón un privilexio. Cultivar o exercicio da crítica sen ningún tipo de presión, alén doutro tipo de colaboracións que atenden ao fenómeno da nosa literatura, e facelo desde un xornal que chega ás mans de milleiros de persoas non deixa de ser, sempre, unha responsabilidade. O enfoque tenta ser precisamente xeneralista, isto é, ofrecer de maneira concisa as ideas clave que dominan un libro ou nunha publicación e suxerir, sendo consciente de que a miña sempre é unha opinión subxectiva, a súa lectura.

—Creo que o seu traballo como crítico tamén se retroalimenta coas súas investigacións e a atención que lle dedicou e dedica a autores como Manuel Luís Acuña, Cunqueiro, Celso Emilio e Lueiro Rey.

—É posible. Para min esas voces que nomeas foron, e son, obxecto da miña atención como investigador en diversas etapas. Tiven a fortuna de ter na miña formación profesorado competente que me iniciou por eses, e outros, camiños e tamén a inmensa sorte de atopar, sobre todo no caso dos dous últimos autores que citas, contornas familiares que confiaron en min para abordar diversos traballos. E por aí continuaremos.