Evanxeo de Marcos

CULTURA

03 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No Beatus anterior falei da primeira tradución galega dun Evanxeo, o de Mateo, editada en Londres en 1861 e financiada e prologada por Luís Luciano Bonaparte. Esta versión (desde o castelán!) fíxolla ao Príncipe Filólogo un galego residente na capital inglesa, José Sánchez de Santa María. É un volume que non se produciu desde as premisas do Rexurdimento literario galego, pois é ben sabido que foi iniciativa do Príncipe, comprometido coa inxente tarefa de obter textos bíblicos en linguas máis ou menos ágrafas para realizar estudos de comparatismo lingüístico.

O segundo Evanxeo que se verqueu ao galego foi o de Marcos, máis dun século despois, en 1963. Eu fixen, en Lugo, de Bonaparte, aínda que sen remunerar aos tradutores: Antonio López Otero, que traduciu, a primeira parte, desde o grego, e Amable Veiga, o gran filólogo, que traduciu o resto desde o latín. En decembro de 1963 expúxose este Evanxeo manuscrito na mostra bibliográfica Cen anos de literatura galega, e no catálogo homónimo figura coa ficha 2047. Un estudoso dos textos bíblicos, Xosé Manuel Prada, está moi interesado na consulta deste manuscrito, que obra no Alxam (Arquivo Literario Xesús Alonso Montero, na biblioteca da Deputación de Ourense). Beizón ao traballo dos tres xenerosos colaboradores.

Este Evanxeo contén un prólogo, tamén solicitado por min, do sacerdote lugués Germán Alonso, que pertencía, sen eu sabelo, ao Opus Dei. En calquera caso, no limiar, non se mostraba contrario á vernaculización da liturxia. Daquela, José Ruibal e mais eu acordamos publicalo para evanxelizar en galego a todos os crentes que percibisen como natural a mensaxe de Xesús no idioma que eles falaban. Debo aclarar que José Ruibal era, nesas datas, o responsable, en Galicia, dos intelectuais do PCE. Mesmo cheguei a comprometer a un amigo, Ángel Atienza, exfutbolista do Real Madrid e que tiña un estudo de deseño, para que fixese a cuberta. Antes había que resolver un problema filolóxico moi importante: facer a tradución, da totalidade, desde o grego ou desde o latín. Tamén houbo, como case sempre, problemas económicos.