Para os que tivemos a sorte de nacer na vila de Lalín, era moi frecuente ver a un señor paseando pola rúa Principal, cunha estética «diferente» á común. Velo tomando un café na de Camilo, diante da de Navaza ou na Marquesina falando cos veciños que por alí andaban, ou con outros «ilustres» da vida ou das letras como Varela Buxán.
Os nenos oíamos falar do «Laxeiro». Un pintor de Botos que tiña un irmán tratante, e unha familia moi coñecida e querida.
Non sabíamos naquelas décadas que diante de nós tiñamos a un auténtico xenio. Un xenio da arte, da creación e, tamén, da vida. As súas anécdotas son múltiples e variadas, e dá a impresión de que parecen inesgotables. Case á par do seu recoñecemento no competitivo mundo da cultura, no que é moi difícil ser como el foi e é: admirado e referente para todo o universo atlántico.
Non só creou unha obra perfectamente enmarcada nas tendencias internacionais, homologable á dos principais artistas españois e galegos. Fíxoo tanto na Galicia territorial como na Galicia ideal durante as décadas máis escuras do noso país.
Un dos máis grandes, sen dúbida, das artes do século XX. E resulta tamén curioso que moi cerca da súa aldea natal naceu tamén outro dos máis grandes, Manuel Colmeiro. O talento de ambos converteu á nosa comarca do Deza nun dos lugares máis senlleiros e fértiles nas artes plásticas, creando escola e dando exemplo a outros grandes nomes que haberían de admiralos e de sucedelos. A obra do artista lalinense é coñecida e recoñecida, e logrou o que moi poucos son capaces de facer: crear un estilo e unha marca propia. A marca Laxeiro. Unha marca que identifica a Galicia. Unha marca que nos transcende e que reflicte os grandes valores da Galicia contemporánea.
A pegada de Laxeiro foi decisiva para todos os artistas galegos do século XX e mesmo do XXI, non só como un renovador do imaxinario cotiá, senón como un creador que soubo combinar con gran habilidade a tenrura, a innovación, a irreverencia e a técnica.
A singularidade da súa obra, inclasificable baixo practicamente calquera categoría, reflicte esa ansia de liberdade que tanto caracterizaba á súa personalidade. Unha liberade que lle levou a reinterpretar sen ataduras calquera xénero ou tradición artística para pasala polo seu propio filtro e inserirlle esa marca Laxeiro.
Falamos dun universo no que se dan a man a tradición cultural galega, en especial as coordenadas rurais, coas manifestacións máis vangardistas do seu momento. Todo isto cun carisma artístico incalculable, como é o que atesouraba Laxeiro en cada unha das súas producións.
Cando se han cumprir 25 anos desde o seu pasamento, poñer en valor a obra e o legado de Laxeiro é algo máis que unha homenaxe: é un exercicio de xustiza.
Por iso, a decisión da Real Academia Galega de Belas Artes de dedicar o 2022 a honrar a traxectoria artística de Laxeiro, co Día das Artes Galegas, é unha decisión magnífica. A divulgación da súa obra permitirá a aqueles que non o coñezan descubrir a un artista único na historia de Galicia.
José Otero Abeledo, o nome que se agocha tras Laxeiro, legounos unha ollada inigualable a través da súa arte. Hoxe, queremos seguir reivindicando a súa marca. Esa marca que comezou hai tanto anos tomando un café na de Camilo.