Lorca en Ourense

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

Detalle dun dos retratos que Blanco Amor lle fixo a García Lorca en 1935
Detalle dun dos retratos que Blanco Amor lle fixo a García Lorca en 1935 Eduardo Blanco Amor

02 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este sábado, o nome inmortal de Federico García Lorca vai protagonizar un acto intelectual na Insua dos Poetas, ese espazo literario creado polo escritor Luís González Tosar e ubicado na terra montañesa de Esgueva de Madarnás, do Concello do Carballiño. Trátase, no fondo, dunha homenaxe ao xenial poeta andaluz, quen, en 1935, sorprendeu aos letraferidos máis cultos de Europa coa edición dun opúsculo poético escrito en lingua galega co título Seis poemas galegos. Publicouno na editorial Nós Ánxel Casal, editor que, meses despois, sería asasinado nas aforas de Santiago. Na mesma data, o 19 de agosto de 1936, as mesmas balas tronzaban a vida do excelso poeta en Víznar (Granada).

Sabido é que a Insua dos Poetas acolle, desde hai bastantes anos, estatuas ou pezas escultóricas que representan algunhas das grandes voces da poesía galega: Rosalía de Castro, Eduardo Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro... Na presente edición, o poeta convocado é o «poeta mártir», como lle chamou Castelao. No acto de mañá darase a coñecer a peza escultórica de Soledad Penalta titulada Federico García Lorca: Seis poemas galegos.

Aínda hai quen se sorprende de que Lorca, poeta en castelán, andaluz de nación e persoa pouco dotada para calquera idioma foráneo, poetizase en lingua galega. Cómpre formular o feito con máis tino filolóxico: Lorca, en efecto, é o autor dos Seis poemas galegos, pero é o autor literario, que tivo, como asesor lingüístico («diccionario viviente»), a Ernesto Guerra da Cal en cinco das seis composicións (da primeira, Chove en Santiago, o colaborador lingüístico foi outro, quizais Serafín Ferro). Sexa como for, nun anaco entrañable da orografía ourensá, os escolares, desde mañá, dispoñen dun elocuente motivo para interesárense pola maxistral obra literaria deste poeta galego e universal.

Sáibase que o manuscrito orixinal dos poemas galegos de Lorca custódiase na biblioteca da Deputación de Ourense, institución que contén o arquivo literario de varios escritores importantes de Galicia, o de Blanco-Amor incluído. Dese tesouro non tardará a Deputación en facer unha edición facsimilar.