O Día das Artes Galegas do 2022 renderá homenaxe ao pintor Laxeiro

Javier Benito
javier benito LALÍN / LA VOZ

CULTURA

Laxeiro, retratado no seu estudio de Bos Aires en 1968.
Laxeiro, retratado no seu estudio de Bos Aires en 1968.

O próximo mes cúmprense 25 anos do pasamento do artista de Lalín

27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En febreiro do 2008 tributouse en Lalín unha sentida homenaxe a José Otero Abeledo Laxeiro no centenario do seu nacemento. Naquel acto, coa presenza do entón ministro de Cultura, César Antonio Molina, xurdiu a idea de declarar o 23 de febreiro como Día da Arte Galega. A proposta quedou esquecida ata que se retomou no 2015 pola Real Academia Galega de Belas Artes, escollendo o 1 de abril para a celebración. No 2022 será homenaxeada precisamente a figura do pintor lalinense Laxeiro.

A Real Academia Galega de Belas Artes decidiu por aclamación nunha sesión ordinaria celebrada este sábado na Coruña tributar un recoñecemento especial a Laxeiro, a quen cualifica como «unha figura decisiva para o desenvolvemento e difusión da arte galega no século XX, cuxa obra moderna e renovadora estivo sempre comprometida coa realidade do contexto sociocultural do seu tempo». A proposta foi subscrita por académicos e varios colectivos culturais de Galicia.

No museo Reina Sofía

O recoñecemento a un dos artistas galegos máis universais, que acaba de ter protagonismo ao instalarse a súa obra Trasmundo no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, chega a poucas semana de cumprirse o 25.º aniversario da súa morte. O Concello de Lalín prepara actos conmemorativos na súa honra o día 21 de xullo, centrados na súa casa natal e no cemiterio da Romea onde está a súa tumba, no territorio do marquesado imaxinario de Laxeiro, quen dixo hai xa case 50 anos que era «unha pequeniña area da arte galega», pero foi o seu creador máis revolucionario no pasado século.

Na mesma sesión, o plenario de Belas Artes acordou conceder a Jesús Núñez o título de académico de honra. Destacan a súa traxectoria de pintor, escultor e gravador. Foi o impulsor do Centro Internacional da Estampa Contemporánea aberto desde 1997 na súa localidade natal de Betanzos, que se converteu nunha fundación dedicada á ensinanza e divulgación das técnicas artísticas.