Onde se adora

CULTURA

08 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É de salientar o gran número de topónimos de concellos, parroquias, aldeas ou lugares que hai oficializados en Galicia. Son arredor duns 41.400, ao tempo que é realmente significativo o feito de que ese número sexa arredor do 35 % dos que hai no resto de España que conta cun total duns 108.000.

Todo isto sen ter en conta a microtoponimia da cal, os galegos, somos potencia mundial e poderiamos engadir miles de milleiros de microtopónimos gardados na memoria das xentes. Nomean pequenos lugares que apelan ao cotián, á fauna, á flora, accidentes xeográficos, lugares sagrados, etcétera.

Eu gusto de fixarme nos topónimos e de saber tamén deses microtopónimos máis agochados xa que son unha importantísima fonte de información. Hai uns días tiven a honra de participar nunha homenaxe organizada pola asociación Monte Pindo Parque Natural ao ilustre don Xosé Barreiro Barral e desenvolvida con diferentes actos no pobo do Pindo. Nesta homenaxe houbo música, charlas e poesía en torno a este persoeiro que deixou un importante legado e varios libros publicados como o xa esgotado Los montes del Pindo, Olimpo Celta y desierto de piedra, editado no seu momento pola Deputación da Coruña, e cunha nova edición en idioma galego xa de camiño. Eu xa estiven no Pindo en varias ocasións e coñezo de preto o traballo que realizan dende esa asociación a prol da dignificación da cultura e en especial da divulgación dese fantástico monte, Olimpo Celta, marabilla xeolóxica e patrimonial digno sen dúbida, dun maior recoñecemento.

Mais, volvendo á toponimia, volvín escoitar durante esta homenaxe o nome dun lugar que xa me tiña asombrado anteriormente, un lugar especial no monte do Pindo dende o cal é probable que se vexa un dos mellores e máis impresionantes solpores de toda Europa. Este microtopónimo é o de Onde se adora, un miradoiro espectacular dende o que se pode ver a plenitude oceánica do Atlántico, o Cabo Fisterra ou as Illas Lobeiras así como aos seus pés o porto de Quilmas e o pobo do Pindo.

Auténtica marabilla de nome para un lugar sagrado de máis que probable antiga adoración ao sol.